Ribadavia implantará a hora azul na rúa Progreso

photo_camera A sinalización xa está pintada na calzada.
Será de uso gratuíto e para dar resposta á demanda dos comerciantes

Ribadavia estreará unha hora azul gratuíta na rúa Progreso. O Concello intenta atender con esta medida unha demanda dos comerciantes desta zona, onde é moi difícil aparcar, e despois de ser aprobada no pleno sen ningún voto en contra. 

Crearase na rúa Progreso, desde o cruce coa rúa Ribeiro ata o cruce coa rúa Carlos Casares, unicamente na marxe dereita, en dirección Vigo.  

Os responsables municipais comezaron esta semana a repartir discos da hora azul en todos os comercios e locais de hostalaría da rúa Progreso, para facilitar a súa distribución entre veciños e visitantes de Ribadavia.  

Para aparcar neste tramo de hora azul, as persoas poderán recoller os discos nos locais comerciais e na Casa do Concello. 

O estacionamento será gratuíto cun máximo de 1 hora e 30 minutos, e funcionará en horario comercial de luns a venres de 09,00 a 13,30 horas e das 16,00 ás 20,00 horas; e os sábados de 10,00 ás 13,30 horas. O resto de días será como sempre. 

Así mesmo, os veciños residentes da rúa Progreso tamén terán dispoñibles para estacionar a rúa Rego de Auga e Praza Porta da Vila- San Martín, como zona de estacionamento veciñal. 

O Concello ensaiará o seu uso, explicando o seu funcionamento, sen aplicar ningunha sanción durante todo o mes, e engaden os responsables locais que de funcionar e ter boa acollida como está pasando noutras vilas, activarase despois do Nadal.

Te puede interesar