Ribadavia recupera a súa Baixada de Carrilanas na rúa

Unha carrilana en forma de ataúde, na edición do 2019.
photo_camera Unha carrilana en forma de ataúde, na edición do 2019.

Circularán nas modalidades de exhibición, competición e infantil, o sábado a partir das 17,20 horas

Ribadavia acolle este próximo sábado a XV Baixada de Carrilanas, prevista entre as 17,20 e 20,20 horas, polas rúas do centro da vila. Trátase de vehículos sen motor que se deslizan polas pendentes do casco urbano, nas modalidades de competición e de exhibición, ademais dun descenso de carrilanas infantil. 

A orixe da competición, segundo apuntan os organizadores, “está na tradición galega pola que pasamos tódolos cativos de divertirse baixando nunhas taboas de madeira ás que se lle engadían catro rodas”. De tal maneira, que esta iniciativa “é unha forma de manter esa tradición”, e así cóntase cada ano con carrilanas relacionadas co viño e coa industria dos ataúdes, entre outras. 

Como impulso ao mantemento deste xogo tradicional efectuarase por quinta vez un descenso de carrilanas infantil, do que destacan a participación de nenas (30 rapazas) na última edición superior a de nenos (28 rapaces ).

Por outra banda, está prevista a carreira de Ribadavia, que vai pola XV edición e está adscrita ao Campionato Galego de Carrilanas.

No ano 2000 participaron 13 carrilanas na primeira edición e no 2019, antes da pandemia, foron 95 procedentes de toda Galicia e tamén do Norte de Portugal, Asturias e Castela-León, ao que se engade este ano un participante do País Vasco, cando aínda está aberto o prazo para apuntarse.

Te puede interesar