Terras de Bendaña e Celme, Bacelos de Prata

O Pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), acolleu na mañá de onte o acto de entrega dos premios Bacelos de Prata deste ano, que foron para a bodega Terras de Bendaña, de Sobrado (Lugo), e bodegas Celme, de Castrelo de Miño.

O acto de entrega de premios, que estivo dirixido por Xosé Carballido -inxeniero técnico da Consellería do Medio Rural-, contou coa presencia do presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Casares; a alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez; o presidente da Asociación Álvaro das Casas, Avelino Muleiro García, ou a  xefa territorial de Cultura,  Sandra Quintas, entroutros.

Terras de Bendaña recibiu o galardón como bodega pioneira en Galicia na utilización da lingua galega na etiquetaxe do seu viño, feito coas variedades propias do territorio.

Celme é un proxecto que nace de man de dous novos emprendedores que decidiron sacar adiante seu proxecto vital apostando pola recuperación do agro como forma de vida, producindo viños en ecolóxico elaborados con castes autóctonas: Sousón, Brancellao, Treixadura, Godello, Albariño, etc... Todos os seus produtos están etiquetados en lingua galega.

Te puede interesar