Os representantes do colectivo cren que ‘o PERI necesita outra volta urxente’

Os arquitectos escollen a recuperación do Casco Vello como ‘símbolo ecosostible’

Os arquitectos ourensáns quixeron rendir unha homenaxe ó Casco Vello da cidade e á súa rehabilitación no Día Mundial da Arquitectura. Nun acto que se levou a cabo na praza da Ferreiría, o presidente do Colexio, Xan Rodríguez, salientou o labor desenvolvido na zona histórica da cidade, aínda que tamén afirmou que o PERI necesita ‘outra volta urxente’.
No Día Mundial da Arquitectura, os profesionais ourensáns quixeron rendir homenaxe ó Casco Vello e á súa rehabilitación. O presidente do Colexio de Arquitectos, Xan Rodríguez, salientaba onte que a recuperación da zona histórica da cidade é un ‘símbolo ecosostible’, tanto por rehabilitar edificios xa construidos como polos materiais empregados (madeira, pedra...), ‘respectuosos coa natureza’.

Nun acto que tivo lugar na praza da Ferreiría, Rodríguez agradeceu o labor dos responsables políticos da cidade -tanto os actuais como os anteriores- na recuperación do Casco Histórico, e recoñeceu que o PERI ‘necesita outra volta urxente’.

O tenente de alcalde da cidade, Andrés García Mata, aludiu na súa intervención ás axudas que o PERI ofrece tanto á xente nova coma ós maiores para a rehabilitación de vivendas, e salientou especialmente o PERI das Burgas, ‘moi esperado por nós e que na actualidade están estudiando os técnicos para iniciar os trámites para a súa aprobación’. Deste Plan Especial de Protección do entorno das Burgas, García Mata quixo nomear ‘todo o que ten que ver co desenvolvemento termal, a reforma da Praza de Abastos, a protección do Parque Barbaña e a área de reparto nova, que inclúe a Xardín das Burgas, o antigo cárcere e os Baños do Outeiro’.

Pola súa banda, o alcalde, Francisco Rodríguez, agradeceu o recoñecemento que os arquitectos facían nun día coma onte do Casco Vello ourensán, ‘escaparate da nosa historia por todo o que significa para o noso patrimonio cultural e histórico’. Ó finalizar as intervencións -tamén falou o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, quen gabou o traballo na recuperación do Casco Histórico- foi descuberta unha praca para que nun futuro se lembre na praza o recoñecemento deste sector de profesionais a toda a recuperación levada a cabo no Casco Vello e na que a propia praza é un exemplo.

Acceso ó centro cívico dende a Ferreiría

Ó remate do acto na praza da Ferreiría, os asistentes visitaron o pasillo de entrada ó centro cívico e a escola infantil da rúa Colón, que será inaugurado esta semana e que foi deseñado por Gallego Jorreto. A través dunha galería que comunica ámbalas dúas vías e que deixou á vista un pequeno tramo dunha rúa romana, pódese acceder a este edificio.



Te puede interesar