Baltar: "O único pacto que ten o PP é cos cidadáns e cun programa para lograr a estabilidade do país"

mitin.xerais.pp.maceda.01_result
photo_camera Imaxe do mitin do PP en Maceda.

O presidente provincial popular volveu a apelar ao voto útil. Ademáis, este martes protagonizaron un acto no límite da fronteira entre Ourense e León en defensa da A-76

O presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, afirmou hoxe que “o único pacto que ten o PP é cos cidadáns e cun programa pensado para lograr a estabilidade do país”, advertindo neste sentido o engano do resto das forzas políticas que “xa non pensan na xente nin en melloras sociais, só falan de pactos e pelexan polo poder”.

Manuel Baltar fixo estas declaracións no mitin celebrado esta tarde en Maceda, no que tamén participou o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, acompañados polo alcalde da vila, Ruben Quintas.

O presidente provincial subliñou que os votantes do Partido Popular acudirán ás urnas o próximo domingo “sabendo que proxecto apoian e a que presidente votan, mentres os demais irán aos colexios electorais sen saber o que están a votar”.

Neste sentido, Manuel Baltar apelou unha vez máis ao voto útil, facendo unha nova chamada á reflexión aos votantes de Ciudadanos “para que se sumen ao único pacto posible que é manter o camiño da recuperación e non permitir que outros destrúen todo”.

O cabeza de lista ao Congreso, Miguel Ángel Viso, insistiu pola súa banda na indefinición das outras forzas políticas, “que están a mudar continuamente a súa mensaxe, sen criterio e só pensando no rédito político”. O candidato popular citou expresamente a partidos como Ciudadanos e Podemos “que primeiro rexeitaban o AVE e agora din que hai que rematalo, pero só polo investimento realizado e non porque crean neste medio de transporte”.

Tamén a candidata ao Senado, Miri Barreira, advertiu das intencións de Podemos, “que non saben o que é o voto útil pero sí moito de utilizar o voto, co único propósito coñecido de alcanzar o poder”.  A partir de aí, dixo, “ninguén é quen de saber cales son as súas verdadeiras intencións”.

En defensa da A-76

Os populares ourensáns tamén se desprazaron nesta xornada electoral ata o límite das provincias de Ourense e León, onde tivo lugar un acto en defensa da autovía A-76, coa presenza do secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, o secretario xeral do PP de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e por parte ourensá os candidatos ao Congreso e aos Senado Celso Delgado e Miri Barreira.

Celso Delgado ratificou o “máis absoluto compromiso do PP” con esta infraestrutura e chamou a atención dos propósitos de Podemos, “que só queren estradas de terceira para Galicia e Castela”, lembrando que no Congreso votaron en contra desta autovía “con argumentos insustentables como que estábamos a malgastar o diñeiro”.

Te puede interesar