Barbadás activa un plan para evitar os roubos das plantas

Imaxe dunha xardineira na que se desapareceu un exemplar.
photo_camera Imaxe dunha xardineira na que se desapareceu un exemplar.
Subtraéronse máis de 80 exemplares nos últimos meses en diferentes puntos do municipio de Barbadás

Aos ladróns gustánlles as plantas de Barbadás, sobre todo as situadas en espazos públicos.  “Os roubos son continuos nas xardineiras instaladas en diferentes puntos de municipio, rexistrándose os máis recentes na avenida de Celanova, onde desapareceron cinco ciclamen”, sinalaron onte dende o Concello. Segundo a contabilidade local, nos últimos meses roubáronse máis de 80 exemplares en diferentes puntos do concello. “Pese aos esforzos por embelecer os espazos públicos con diferentes especies de plantas, os actos vandálicos rexístranse con demasiada frecuencia”, sinalan dende a institución local.

Para evitalo, a Policía Local activará un plan co que se intensificará a vixilancia. Ademais, o Concello empregará as súas redes sociais para informar aos veciños dos danos ocasionados co roubo das especies e para lembrar á cidadanía a importancia de coidar os espazos públicos, facendo un chamamento para frear os actos vandálicos. “A través das redes sociais municipais darase conta de cada subtracción co obxectivo de disuadir a aquelas persoas que levan a cabo este tipo de accións e sensibilizar, ao mesmo tempo, sobre a importancia de coidar o que é de todos e todas”, aseguran dende o Concello.

Bentraces

A vixiancia das xardineiras non é a única acción en prol do patrimonio público. O parque da antiga escola de Bentraces mellorará a súa imaxe grazas ao Obradoiro de Emprego Concellos Rurais, no que participan alumnos de Barbadás, Toén, Castrelo de Miño e Taboadela e que facilitará a súa inserción laboral. A reforma deste espazo xa comezou e está previsto que neste lugar tamén se acondicione o lavadoiro público. Ademais, acometerase a mellora paisaxística nun parque de Currás e dunha zona do parque baixo da rúa Areal, así como o mantemento de zonas verdes das distintas parroquia. Unha vintena de alumnos participan neste Obradoiro de Emprego que lles permitirá formarse nos certificados de profesionalidade “Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes” e “Fábricas de Albanelería”.

En total serán 1.920 horas teórico-prácticas que favorecerán a inserción laboral dos participantes. Pola súa banda, en Castrelo de Miño realizarase o acondicionamento dos accesos ao Castro de Santa Lucía; a mellora paisaxística das zonas de lecer de Pescastrelo e melloras na nave municipal de Prado. En Taboadela, levarase a cabo o acondicionamento do parque de Pasadán; porase en valor o lavadoiro de Vendanova e o lavadoiro e contorna de Outeiro da Mezquita; a mellora paisaxística da aira e fonte de Mingarabeiza. E, no concello de Toén, faranse obras de mellora nas beirarrúas de Moreiras, Toén, Mugares e Xestosa e repararanse pozos de saneamento. 

Te puede interesar