Política

O BNG eríxese na alternativa ante "o abandono de Feijóo”

Pontón arroupa a Seara trala última polémica e lanza xa o proxecto nacionalista para as municipais

O BNG trata de pasar páxina despois da última polémica protagonizada o venres entre o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o voceiro nacionalista, Luis Seara, que rematou coa expulsión deste último do pleno tras unha acalorada discusión (Seara dixo que aínda non ten constancia da denuncia que aireou o rexedor na sesión). Catro días despois, a voceira nacional do partido, Ana Pontón, achegouse á cidade para arroupar a Seara, aproveitando a ocasión tanto para cargar con dureza contra o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, ó que considera responsable do “circo e esperpento” no Concello, como para lanzar o proxecto do BNG para as vindeiras eleccións municipais de 2023.

“Tanto Seara como Rhut Reza representan a dignificación da política para deixar atrás o circo e o esperpento no que o PP e os seus aliados queren converter Ourense, que está en situación de abandono e o principal responsable é Feijóo, facendo alcalde a alguén que definiu como letal, acertando nesa profecía. Podendo cambialo, prefire manter ese pacto en contra dos intereses de Ourense por intereses partidistas”, destacou Pontón nun acto celebrado no barrio das Lagoas, xunto á parcela adquirida pola Xunta para construír a súa nova sede.

A voceira nacionalista asegurou que a súa formación “traballará na dirección contraria, con propostas concretas para camiñar cara a transformación dunha cidade fundamental para Galicia”, unha promesa que fixo despois de que Luis Seara resumise a “mensaxe” que, segundo dixo, quere que cale entre os veciños da cidade. “Decímoslle que o BNG está ocupado e preocupado en resolver os problemas da xente, ser a alternativa que Ourense precisa e ninguén fará que nos perdamos un milímetro do obxectivo, sacar a Ourense do caos e a parálise”, afirmou o portavoz do BNG no Concello, prometendo que “adicaremos todos os nosos esforzos a sinalar máis cuestións importantes”.

Nesa liña, Seara esbozou unha das súas próximas propostas tanto no pleno do Concello como no Parlamento, que pasará por retomar a proposta de soterramento da avenida Otero Pedrayo, reformada hai uns anos pola Xunta cunha intervención menos ambiciosa. “Queremos un proxecto verdadeiramente transformador”, engadiu Seara. Sobre isto, Pontón garantiu o apoio do grupo parlamentario, criticando “as auténticas chapuzas feitas pola Xunta”, entendendo que o Goberno galego “non ten grandes proxectos transformadores para Ourense”.

Te puede interesar