Candidato á portavocía nacional do BNG

Carlos Aymerich: ‘O BNG non soubo conectar coa xente’

Carlos Aymerich, na rúa do Paseo. (Foto: Xesús Fariñas)
A piques de comezar o Consello Nacional do BNG, o candidato a liderar o partido, Carlos Aymerich (Vigo, 1967) explicou as súas propostas onte en Ourense.
O nacionalismo galego vive nestes intres un dos momentos máis cruciais dos últimos anos, ás portas da súa Asamblea Nacional donde se renovará o seu Consello Nacional, o órgano de dirección que fixará as liñas a seguir do BNG. Catro listas concorren á cita que se desenrolará mañá e Carlos Aymerich Cano, actual portavoz parlamentario, encabeza a candidatura de ‘Máis BNG’.

Como afrontan a data do 10 de maio, definida por vostede coma ‘clave para construir o nacionalismo do futuro’?

É un proceso novidoso, tanto pola participación da militancia a través dos delegados como pola súa repercusión mediática. Penso que é exemplar, pois ademais da participación é un claro debate de ideas. Proxecto só hai un, o do BNG, pero con diferentes xeitos de entendelo.

Cales son esas bases que se queren sentar?

Nada vai ser igual despois da Asamblea Nacional, porque é a militancia a que vai decidir. Ás anteriores sempre se chegou con acordos, polo que podemos asegurar que a do domingo será unha mostra de madurez, xa que serán os delegados os que fixen o rumbo que se ha de tomar.

Que lección aprendeu o Bloque tra-la derrota electoral do 1 de marzo?

Non foi unha lección, foron varias. Nos erros e nos fracasos se aprende, e agora vimos coa humildade de que somos conscientes de que non repetiremos os erros. É difícil levar a cabo políticas contructivas e loitar contra diversos poderes, pero o que nunca deixamos de facer foi traballar a prol de Galicia. Fixéronse moitas cousas, pero se nalgo erramos foi en pensar que non era necesario explicar os cambios que estábamos a desenrolar. Non soubemos conectar coa xente nese senso e agora o BNG debe abrirse á sociedade, coñecéndoa dende a base.

A autocrítica chegou por igual a tódolos sectores do BNG?

O BNG é así, con diferentes puntos de vista, pero sen risco para a unidade. De ningún xeito se trata de esquecer o que fixemos, pero non estamos dispostos a dar facilidades ao PP, non se lle vai dar a súa segunda victoria. Lideraremos a oposición e demostraremos que o nacionalismo sirve para gobernar, porque agora se poderá contrastar o que fixemos co que pensa facer o PP.

Como valora o que está a suceder no BNG da cidade?

Non me cabe a menor dúbida de que se vai resolver dunha forma totalmente satisfactoria para Ourense.

Pero as friccións son notorias.

Os motores que se quentan son os que funcionan. Eso é sinal inequívoca de que se está a traballar. Han saber, como souberon sempre, saír desta situación aínda con máis forza.

Con permiso das eleccións europeas, as seguintes son as municipais. Como ve a maduración dos bipartitos tralo remate do autonómico?

Non podemos replegarnos cara adentro nin regalar tempos mortos, por eso digo que o luns empeza o tempo de crear de novo ilusión e esperanza, de recuperar a confianza cara ás municipais. Non podemos permitir que se asente o PP e pasar ano e medio sen pensar no interese do país. Por iso amosaremos, dende a oposición que pretendemos liderar, que podemos facer fronte ás políticas de privatización do PP.

Por último, cales son as súas prioridades de ser elexido portavoz nacional?

Eu ofrézome un portavoz con ganas e vocación de goberno, non dun xeito meramente transitorio. Quero un BNG aberto á sociedade e a tódolos galegos e galegas, que non agarde para ilusionar á xente.


Te puede interesar