O célebre personaxe de Xosé Lois González, O Carrabouxo, está hoxe de aniversario ó cumprirse 30 anos da publicación da primeira viñeta no xornal. A agrupación cultural Auriense celebra a efeméride.

O Carrabouxo entra nos 30

Xosé Lois apaga as candeas do trinta aniversario do Carrabouxo cun grupo de amigos. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
OCarrabouxo acaba de entrar na trintena. Foi no San Martiño de 1982 cando este personaxe, reflexo do humor galego, viu a luz en La Región, ó publicar o seu 'pai', Xosé Lois González, a primeira das máis de 10.800 viñetas que ten protagonizado xa. 'O personaxe naceu froito dun reto que se me ocorreu, que era ofrecer ó xornal unha colaboración diaria', lembra Xosé Lois, quen axiña se decatou de que a súa creación estaba a calar na sociedade ourensá.
'Fixera un chiste sobre a visita do Papa, que tiña o lema Totus Tuus, no que dúas velliñas ían cara Santiago e levaban nunha pancarta o lema mal escrito, totu tutu. Ós poucos días, estaba nunha discoteca e escoitei que dous rapaces cantaban o que eu escribira, así que enseguida souben que o personaxe estaba gustando', di Xosé Lois. A proba foi a continuidade no xornal: a viñeta nacera cun tempo de proba dun mes e está xa no seu trinta aniversario, sendo hoxe O Carrabouxo un personaxe emblemático da provincia, como reflicte tamén a súa estatua no Parque de San Lázaro e os recoñecementos que ten recibido o seu autor. Por iso, colectivos como a agrupación cultural Auriense súmanse ó aniversario organizando diversos actos que se sucerán ata o 14 de decembro e que inclúen un magosto, unha exposición e un pasarrúas.

Con todo, manter diariamente un personaxe de éxito ten tamén as súas esixencias. 'Son meticuloso no proceso (de crear cada viñeta), tento reproducir unhas condicións de traballo porque ó ser un personaxe concreto é unha limitación moi grande. Require disciplina, xa que en 30 anos tiven que facer chistes os días que morreron a miña nai e o meu pai, por poñer un exemplo de circunstancias persoais complicadas, e tes que poñer un caparazón para facer humor', explica Xosé Lois, que adoita ler os titulares de prensa, facer un resumo e pensar 'a que lle saco punta'. Son contadas as veces que as ocorrencias do Carrabouxo xorden de forma casual. 'Pasa moi pouco', di Xosé Lois, 'esto é un oficio'.

Nestas tres décadas, O Carrabouxo entrou a formar parte non só da cultura ourensá e da historia da propia cidade, senón que tamén recibiu recoñecementos fóra de Galicia. O propio Xosé Lois semella sorprendido de que na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos 'haxa tres libros meus'. Internet tamén facilita que o personaxe cruce fronteiras, tanto na web do xornal coma na do propio Carrabouxo, que tamén pode ser seguido a través de Facebook. Por iso, o personaxe tivo que 'adaptarse ós tempos, cunha linguaxe máis actual, menos panfletaria pero mantendo a súa esencia.

Aínda sen inspirarse nunha persoa concreta, O Carrabouxo é espello de certa forma de ser, como se demostra no feito de que nestes anos o autor recibira 'fotos da xente que me mandaban o Carrabouxo do seu pobo'. Se cadra ese arraigamento é a clave do seu éxito.

Te puede interesar