Constituída en 1918, poucas institucións culturais da cidade manteñen a actividade ao longo dun período tan amplo e significan a súa presenza institucional en actos tan diversos como fixo a Coral De Ruada

A cidade vista a partir da Coral

No momento que se fundou a Coral De Ruada tiña o sentido de ser de todos os coros da época, máis de trinta formados en Galicia. Naquel momento había un sentir de que se non se recollía o folclore, había un risco de que desaparecesen todas as cantigas', quen isto di é Emilio Rodríguez Portabales, integrante e vicepresidente da Coral e quen, xunto a Xaquín Vales, adicaron moito do seu tempo ao rastrexo e seguimento nas hemerotecas.
A Coral De Ruada fundouse en 1918 seguindo a tradición das agrupacións corais do século XIX, entre as múltiples formacións, segundo cita o musicólogo Francisco Javier Garbayo, a máis antiga é a do Liceo Recreo, de 1880, máis tarde, en 1887, 'Orfeón Orensano'; no café de la Unión xurdiu a agrupación 'Unión Orensana', uníndose despois. Tal como apunta o musicólogo, a implantación dos modelos de agrupacións corais de raíz folclórica tivo froitos na cidade co nacemento de 'Os Enxebres' do barrio de A Ponte e De Ruada; anos despois, en 1929, apareceu a Coral Polifónica Orensana.

Desde moi cedo, ano 1920, comeza a colaboración co escenógrafo Díaz Baliño, o artista nesa época preparou fondos para a representación das pezas de Prado Lameiro, 'O cego d'a Xestosa', 'Estebiño'. As colaboracións fixéronse habituais e o éxito das dramaturxias supuxeron unha xeira galega da man do empresario Isaac Fraga. Foi Manuel de Diós -un dos directores de máis valía- quen prescindiu das escenas corais, no 1955-56.


EVOLUCIÓN

Se todos os grupos inicialmente establecéronse como unha 'Arcadia' para a música popular, no caso da coral ourensá, en palabras de Emilio, 'houbo unha evolución, xa na época final de Daniel González ?director da coral desde 1919 a 1951?, no seu último ano coma director, e na de Manuel de Dios -1956-1964 e 1969-1999- empezouse a meter máis en polifonía clásica e polifonía non galega; 'con de Dios empezouse a cantar dunha maneira máis académica, até ese momento se cantaba como o facía o pobo, sen ningunha técnica'. É que a música popular deu moitos xiros e interpretacións para todos os gustos. 'O que fan as pandereteiras por exemplo, calquera purista do canto se horroriza cando oe unha pandereteira, parece que se están despelexando. A evolución da Coral ten moito que ver con que todos os directores, salvo Javier Jurado, viñan da escola de música da Catedral'


HOXE

O momento actual, en palabras de Emilio, pasa por manter o que hai, non renunciar á polifonía clásica, pero volver a vista atrás e recuperar os repertorios antigos, que é o que está a facer o actual director ?Xoán Antón Vázquez Casas? aplicándolle novas harmonizacións.

Te puede interesar