LINGUA GALEGA

A cifra dos que falan sempre galego cae 12 puntos en 10 anos

photo_camera O número de xóvenes que sempre falan en castelán incrementouse nestes dez anos.

Na década de 2003 a 2013, a porcentaxe baixou en Ourense dun 52,1 por cento a tan só un 39,9 

Nos últimos dez anos, o número de persoas que falan sempre en galego na provincia de Ourense baixou en doce puntos, pasando dun 52,14 por cento no ano 2003 ata un 39,98 por cento no 2013. Así o evidencia a enquisa sobre coñecemento e uso do galego elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) con datos de 2013 e feita pública onte.

Por áreas xeográficas, a zona de Carballiño e O Ribeiro, así como a área de A Coruña Sur-oriental, son as que presentan maiores porcentaxes de fogares nos que todos os seus membros falan habitualmente en galego, superando o 52 por cento. No outro extremo atopase a área metropolitana da Coruña, cun 10,8 por cento; seguida da de Ourense, cun 10,4 por cento; e a de Vigo, cun 7,5 por cento de fogares nos que todos os seus membros falan habitualmente en galego.

En canto a percepción que teñen os ourensáns de uso de galego na actualidade, un 14,5 por cento cre que se usa moito, a porcentaxe máis elevada de Galicia; un 35,3 por cento pensa que bastante; un 27 por cento cre que é normal, e só un 23 por cento considera que o galego se usa pouco ou nada.

Por idades, os grupos que máis baixaron nesta década, en canto a persoas que sempre falan en galego, son os comprendidos entre os 30 a 49 anos, cun descenso de 17 puntos; e os de 50 a 64 anos, cunha baixada de 15,8 puntos. En canto aos que sempre falan en castelán, o grupo de idade comprendido entre os 5 e 14 anos pasou dun 24,6 por cento no ano 2003 a un 34,9 no 2013, e o grupo de 15 a 29 anos, incrementouse dun 18 por cento a un 26 por cento.

O 41,7% dos galegos que teñen fillos fálalles en galego sempre; o 31,7%, sempre en castelán; o 15,1%, máis castelán ca galego, e o 10,1%, máis galego ca castelán. No tocante aos fillos, cabe destacar que arredor do 37% fala sempre en castelán cos seus proxenitores.

No ámbito social, o uso exclusivo do galego está máis estendido nas relacións entre amigos. O 33,1% dos galegos habitualmente fala sempre en galego cos amigos.

Nos últimos cinco anos produciuse unha caída de algo máis de 12 puntos na porcentaxe de estudantes que reciben todas as clases en galego, ata situarse no 2,15% en 2013. A porcentaxe dos que reciben a ensinanza maioritariamente en galego é do 43,7% (2,9 puntos menos que en 2008). A porcentaxe dos que reciben as clases maioritariamente en castelán incrementouse 18,3 puntos porcentuais ata o 51,1%.

Te puede interesar