CULTURA

Raigame festexa este ano ao Museo do Pobo Galego

A romaría reunirá o día 17 de maio a 40 artesáns en Vilanova dos Infantes

A localidade de Vilanova dos Infantes, no concello de Celanova, acollerá o vindeiro mércores, 17 de maio, a XVI edición da romaría etnográfica Raigame, unha celebración que reúne a milleiros de persoas. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e coorganizada polo Concello de Celanova e a Deputación provincial, a celebración terá este ano como invitado especial ao Museo do Pobo Galego, que será homenaxeado ao cumplir 40 anos de vida. A presentación da Festa tivo lugar onte na Deputación provincial, coa presencia do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; a directora do Centro de Cultura Popular "Xaquín Lorenzo", Mariló Fernández; e o técnico de cultura do Concello de Celanova, Antonio Piñeiro.

Moitas das actividades que se desenvolvan este ano no marco de Raigame estarán relacionadas co Museo do Pobo Galego. Así, haberá unha exposición que fai un repaso polos 40 anos do Museo do Pobo Galego baixo o título "Un museo, miles de historias". Outra mostra, baixo o lema "Teño un museo", ofrecerá reproduccións de pezas do Museo. Tamén se celebrará o II Simosio Raigame "40 anos do Museo do Pobo Galego", con dúas charlas seguidas dun debate co público.

Como en edicións anteriores, haberá actuacións de grupos de música, teatro e baile, os tradicionais postos de gastronomía, así como máis de 40 artesáns traballando en vivo e facendo demostracións. A programación inclúe tamén un concurso de fotografía e a entrega da terceira edición do Premio Honorífico "Adolfo Enríquez, que recoñece o traballo de personas e institucións a prol da recuperación, estudo e difusión da cultura tradicional así como a súa colaboración coa Romaría. Este ano o galardón foi para o Museo do Pobo Galego.

Unha novidade será este ano o cine "Carlos Velo", un espazo para a proxección de documentais relacionados coa antropoloxía e a etnografía. Será a primeira iniciativa ligada á Fundación Carlos Velo que acaba de comezar a funcionar. Antes de cada proxección farase unha presentación dos documentais e nesta primeira edición incluirá "O carro e o home", de Antonio Román e Xaquín Lorenzo. Os documentais serán aportados polo Museo Etnolóxico de Ribadavia.

O alcalde de Celanova sinalou que Raigame "exalta a nosa lingua e a nosa cultura, cun completo programa de actividades que a converten nunha celebración familiar e unha boa ocasión para que os nenos coñezan os oficios que había antes". Así mesmo, supón "un escaparate da Vila dos Infantes e da capitalidade de Celanova, porque cada ano atrae a máis xente".

Te puede interesar