Dakidarría: "Estamos desexando desquitarnos da covid e incendiar Benposta outra vez"

Os membros de Dakidarría, na última edición do Viña Rock.
photo_camera Os membros de Dakidarría, na última edición do Viña Rock.

Gabri Reigosa é vocalista do grupo Dakidarría

Dakidarría actuará no Ouren Sound o venres 27 de maio e promete “desquitarse” nesta volta ao rodo xa sen restricións. Artistas e público teñen ansia de música en vivo e o escenario de Benposta será unha oportunidade que se presenta como a máis multitudinaria en Ourense para gozar dun cartel moi variado a nivel estilístico que tamén inclúe nomes coma os de Sés, Tanxugueiras, Rayden, TanDuB, Xoel López, Grande Amore ou Mekanika Rolling Band. Tralo coronavirus, o desexo é un só. Como conta Gabri Reigosa, a voz deste grupo histórico, con  maioría de idade xa, procedente do Val Miñor: “Hai que vivir cada concerto coma se fose o último”.

O ano pasado actuaron no mesmo festival, pero nun formato “XS”. Como será este regreso, xa con normalidade e sen máscaras? Cales son as vosas expectativas?

Creo que só faltamos a unha edición do Ouren dende que naceu; cando naceu a miña filla, razón de peso para non poder (ri). O ano pasado foi unha edición en formato íntimo debido á pandemia e este ano estamos desexando desquitarnos e poder volver a ofrecer un show ao cen por cen. Imos incendiar Benposta un ano máis, non cabe dúbida.

Ao comezo da pandemia, moitos dicían que iamos ser mellores persoas unha vez superado o coronavirus. No que respecta á música, cal é o voso balance? A pandemia trouxo algún tipo de aprendizaxe?

Aprendemos algo que viñamos cantando dende hai anos: a vida é agora mesmo e non é boa idea hipotecar o presente por un futuro que probablemente non chegue nunca. Hai que vivir o momento e hai que vivir cada concerto coma se fose o último porque nunca se sabe. 

Desde o primeiro single de “Colaxe”, “Pobo de artistas”, din: “Somos un pobo de artistas / E traemos unha mensaxe / Sempre contra o poder / Non nos van facer desaparecer”. Nos dous últimos anos a cultura e a arte sufriron un dos máis duros golpes dos que se ten memoria, ao extremo de que case desaparecen. Como se reconstrúe tal desastre?

Defendemos o apoio entre artistas, cremos en tecer redes de base para non depender das institucións nin de ninguén máis que de nós mesmos. Se agardáramos polo goberno ou por políticas de apoio á cúltura podreceríamos no intento, así que cómpre organizarse, apoiarse e crear unha escena sa e colaborativa.

Na mesma canción “Pobo de artistas”, colaboran as Tanxugueiras. O feito de que cantasen en galego, pode influír á hora de non seren elixidas para representar a España en Eurovisión? Hai en España menos orgullo da cultura popular que noutros países de Europa?

Partamos da base de que Eurovisión é un concurso manipulado e politizado. Isto non é nada novo. Trátase dun concurso que o estado español sempre utilizou para adoctrinar, emboubar e para crear patriotas carentes de criterio. Cando te presentas a Eurovisión deberías saber que isto é así e que España é un estado que dende o franquismo tenta aniquilar ás diferentes culturas periféricas. Non sei a quen lle estraña que pasen cousas como a que pasou coas Tanxus vivindo no país que vivimos. 

Ao mesmo tempo que se celebraba o Día das Letras Galegas déronse a coñecer cifras alarmantes sobre a diminución do uso do galego entre os máis novos. Como se fai para que non sexa un idioma en perigo de extinción?

Pois volvemos ao mesmo, terá que ser o pobo quen saque isto adiante pois estamos en mans de “serpes e cans que nos queren calar” que diría miña querida e admirada Sés. A xeración musical actual penso que é herdeira do Xabarín Club e tal vez potenciar unha canle con programación infantil continuada en galego poida ser un inicio. O que teño claro é que somos duras de roer e que por moitos anos, ainda que sexa baixo mínimos, resistiremos.

A música de Dakidarría é unha combinación de reggae, ska e punk para acompañar unha mensaxe nacionalista galega. Aínda que o grupo, orixinario do Val Miñor, comezou a súa carreira cantando en castelán, pronto se decataron da necesidade de vehicular a súa mensaxe en galego. 

Conforme fun escribindo cancións e fun medrando e coñecendo xente do activismo social, funme decatando de que era un sinsentido cantarlle á liberdade dende unha terra oprimida no idioma das forzas opresoras. Por esa razón fixemos o cambio e convertemos a Dakidarría nunha banda neofalante. Penso que foi unha das decisións que tomamos das que máis orgullosos podemos sentirnos xa que tanto na Galiza como fóra temos gran aceptación e estamos defendendo algo no que, a día de hoxe, cremos firmemente.

Te puede interesar