O expediente de honra a 'Los Suaves' suma case 200 adhesións

A incoación do expediente de honra a favor de 'Los Suaves', acordada por unanimidade na sesión plenaria do día 29 de xullo de 2010, xa conta con case 200 adhesións, como premio ós singulares méritos que concorren neste grupo.
Decenas de ourensáns, adhesións individuais de variados puntos da xeografía española, asociacións culturais, coma o Ateneo, galerías de arte, asociacións de veciños, actores, ou institucións, coma o Concello de Carballiño, xa realizaron a súa adhesión ó expediente.

A incoación do expediente fora ditaminada favorablemente polos tres grupos políticos municipais, 'como recoñecemento ó grupo ourensán máis representativo do panorama musical, que levou e leva o nome da nosa cidade por todo o mundo, para que quede patente para futuras xeracións', segundo a proposta de acordo asinada polo alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez.

O vindeiro martes, 31 de agosto, cúmprese o prazo dun mes sometido a información pública, no que poden comparecer cantas persoas o desexen para constatar os datos, noticias ou xuízos que procedan, de conformidade coa proposta.

Te puede interesar