A “gran familia” da Peroxa cumpre 30 anos cantando xuntos

Concerto do trinta aniversario da rondalla Xuntanza dos Pobos da Peroxa.
photo_camera Concerto do trinta aniversario da rondalla Xuntanza dos Pobos da Peroxa.
A rondalla Xuntanza dos pobos da Peroxa cumpriu 30 anos neste 2022. O covid foi un gran problema para eles, pero agora están a recuperar a actividade perdida coa pandemia.

A rondalla Xuntanza dos Pobos da Peroxa celebrou esta pasada fin de semana o seu 30 aniversario. Un aniversario ao que pensaron que non chegarían cando o covid se interpuxo nos seus camiños. A música formou unha “gran familia” na que participan nenos e maiores, todos vinculados dalgunha forma á Peroxa e que é “moito máis ca unha agrupación musical”, conta unha das súas integrantes máis veteranas, Elvira Outeiriño.

Elvira, que pertence a este grupo dende os inicios, explica que os comezos da agrupación non son como rondalla, senón como coro parroquial na parroquia de Vilarrubín. “Daquela eramos 10 ou 12 veciños que nos coñecíamos todos e comezamos co coro baixo a tutela do noso director, Cándido”, conta. Nestes primeiros anos o coro limitábase a voces e os seus actos a asistencias a misas dentro do concello. 

O seguinte paso para converterse en rondalla foi “grazas ao Concello”, quen promoveu unhas clases de música na escola e, deste xeito, incluíron a parte instrumental. “Isto foi dez ou doce anos despois de que se creara o coro”, precisa Elvira, que engade que “foi a forma de pasar os límites de Vilarrubín e abrirse a todo o concello”. Así, ambos grupos uníronse para formar un só, xa baixo a dirección do actual director, Santiago.

Se ben é certo que hoxe hai integrantes da formación que proceden de fóra do municipio, “todos están relacionados dalgún xeito coa Peroxa, ben porque naceran aquí, ou os seus pais son do concello…”.

Ano de recuperación

Este ano 2022 foi “o da recuperación” para a rondalla. “Por exemplo, este ano é o primeiro que podemos facer o concerto de Nadal despois da pandemia”, relata a tesoureira do grupo. Para eles, o covid supuxo un parón repentino, tanto de ensaios como de actuacións, que agora, pouco a pouco, tratan de recuperar. Lamenta tamén que “cada vez imos a menos vodas ou comuñóns, e é unha pena”, pero amósase optimista porque “dende o verán fomos recuperando eventos como romarías ou misas en días de festas”.

 O relevo xeracional non supón un problema para esta rondalla. Elvira indica que “temos sete nenos de Primaria metidos xa no grupo para que vaian integrándose no grupo e no mundo da música”, o que está moi relacionado coas clases extraescolares que o director imparte no colexio. Ademais, hai máis de dez nenos de infantil asistindo tamén a esas clases de música.

Máis ca música

Pero o grupo Xuntanza dos pobos da Peroxa é “moito máis ca unha agrupación musical, é unha gran familia”, motivado en boa parte porque “hai moitos membros que comezamos hai 30 anos”. Outeiriño indica que “isto é algo lúdico, porque a xente que vén é porque lle gusta a música; pero tamén é algo terapéutico, porque axuda a liberarse dos problemas de toda a semana”, conclúe a integrante do grupo, que define a relación interna como “familiar”.

Apoio municipal

No Concello da Peroxa teñen claro que esta é unha institución “que temos que traballar para manter”, asegura o tenente de alcalde, José Manuel Rodríguez, que explica que “dende o goberno municipal aportamos a financiación necesaria para que perviva, ademais de prestarlle un local para que poidan ensaiar e que continúen cunha actividade con tanta traxectoria”.

Te puede interesar