ENTREVISTA

Ignacio Gómez:"A alternativa de goberno pódese dar se nós entendemos que podemos selo"

Ourense. 14-07-15. Local. Pleno de constitución da Deputación de Ourense.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera O voceiro socialista na Deputación, Ignacio Gómez, no pleno de investidura.

Ignacio Gómez exercerá como voceiro do grupo provincial do PSdeG, defende un labor de oposición "propositivo" no que debe estar o respecto aos acordos acadados entre os distintos grupos

Esta semana cúmprese un mes dende a toma de posesión da Corporación provincial para o mandato 2015-2019. Tal e como acontecera hai catro anos, Ignacio Gómez exercerá como voceiro do grupo provincial do PSdeG, tras seren reelixido polos seus compañeiros para o posto. Novamente, dará voz á forza maioritaria da oposición, fronte á maioría absoluta do PP.

Cales van ser os retos do grupo socialista neste novo ciclo?

Seguiremos, coma sempre, a facer unha oposición dura e contundente con aquilo que vexamos que non nos gusta e que entendamos que ten que ser doutro xeito. Pero o grupo tamén ten claro que vai facer unha oposición propositiva naquelas cousas que teñamos que aportar e que vexamos que poden coller outro rumbo dentro desta provincia. Elaboraremos propostas conxuntamente, pero sen deixar de lado o noso labor de oposición; entendemos que hai moitas cousas que mudar, polo que nos imos presentar coma unha alternativa de goberno, que é algo que necesita a provincia fóra do PP. Como grupo maioritario da oposición, correspóndenos facelo a nós.

Cita vostede un cualificativo co que xa se referiu o presidente, Manuel Baltar, á oposición: “alternativa de goberno". Recóllelle a luva?

Creo que ao revés. Isto foi algo que xa dixen cando o noso grupo aínda non estaba constituído, e que é algo que ten que acontecer por lóxica. Levamos varios mandatos manténdonos nos oito deputados, é verdade que a anterior foi complicada para nós por diferentes motivos, non atravesabamos un bo momento na cidade e iso para nós é un hándicap engadido. Moitas veces énos complicado manter os nosos deputados do rural pola rede clientelar que ten estruturada o PP, pero aínda así acadamos bos resultados na zona de Verín. Ao contrario que agardaban os populares, nos mantémonos co maior número de deputados que tivemos nunca, e polo tanto, esa alternativa de goberno pódese dar se nós entendemos que podemos selo, para que Ourense non estea na cola en todos os aspectos. En todo caso, non está mal que Baltar pense que podemos ser unha alternativa, porque é algo que pode acontecer.

Este PSdeG que presenta coma antítese do PP amosouse no pleno de organización un tanto conciliador...

Iso é o que se pode entender. Nós facemos propostas e temos chegado a acordos polo ben da institución para moitísimas cuestións, como as políticas sociais, a recollida do lixo, o consorcio de augas... No pleno falouse das retribucións, e aí hai moita demagoxia. Dende hai tempo, nós diciamos que na Deputación non tiñamos a forma de funcionar correcta, e non só ten que ver cos cartos, senón coa estrutura dos grupos, que leva implícita unha financiación loxicamente acorde coa representatividade de cada un, e iso nunca se pode predicir. Fomos conciliadores porque cumprimos cos acordos aos que chegamos todos, e se nalgún momento un grupo non fai o mesmo, como pasou con Democracia Ourensana, ímolo dicir. Unha negociación é así: tes que aceptar as cousas que che gustan e intentar chegar a un acordo coas que che gustan menos, e así se fixo. Negámonos a facer un espectáculo lamentable con ese tema porque hai que dignificar ese traballo político, e ser oposición na Deputación non é cuestión sinxela. Fomos respectuosos co acordado, e iso non significa que vaiamos estar dacordo con todo, pero ogallá haxa moitos acordos en moitas cousas.

A entrada de Democracia Ourensana sobe a catro o número de grupos da Corporación. Como condicionará o traballo da oposición?

Dependerá da disposición de cadaquén. Hai dous bloques claros, o goberno e a oposición, e se dentro da ideoloxía de cada un queremos facer un labor conxunto de oposición, estaremos encantados. Cantos máis alertemos de cousas que non nos gustan, estupendo, pero iso non depende de nós. O PSdeG somos o grupo maioritario, podemos pedir plenos extraordinarios e facer unha oposición con presenza de deputados en todas as comarcas. A oposición non ten que ver só co pleno e as comisións informativas, senón tamén co traballo de denuncia política de cousas que se fan mal nas comarcas, e o grupo socialista o pode facer con moita máis contundencia, cun deputado de referencia por zona.

Neste mandato, compaxinará a portavocía co seu cargo de alcalde de Ribadavia. Como pensa levalo?

Non creo que con máis traballo, porque xa o tiña dabondo cando era concelleiro de Servizos Públicos, que é unha área bastante complicada. O que si é certo é que o labor de alcalde sempre ten máis responsabilidade, e iso é un plus engadido ao traballo que facía. Pero tamén é verdade que hai que facer un dobre papel ás veces, xa que é bo que o Concello de Ribadavia esta representado noutras institucións e logre acordos beneficiosos dende a Deputación para el, pero non debo esquecer o meu traballo de voceiro do grupo maioritario da oposición, que afecta a toda a provincia, e o de deputado da comarca de O Ribeiro. Tentarei levalo ben, con humildade, pero o fundamental é ser alcalde do meu pobo, e iso non impide que poida facer as dúas cousas, como se anda a dicir; xa o fixen e seguireino a facer.

Te puede interesar