FRAUDE

Imputado un veciño de Ourense por falsificar documentos na compra de varios vehículos

A Garda Civil de Lugo imputou o luns a un veciño de Ourense de 40 anos de idade como presunto autor dun delito de falsificación de documentos privados en relación coa compra de varios vehículos.

Segundo informa a Garda Civil, o día 14 de febreiro un veciño do Corgo (Lugo) denunciou que, respondendo a un anuncio que puxera en Internet, unha persoa lle comprara un vehículo usado que puxera á venda, atopándose con que, ao tratar de notificar na Xefatura Provincial de Tráfico o cambio de titular, os datos que fixera constar o comprador no contrato privado de compra venda eran falsos e polo tanto non podía realizar o trámite.

O denunciante, segundo o relato do Instituto Armado, "tivera a precaución de anotar a matrícula do vehículo no que o comprador", que lle aboara o vehículo adquirido, acudira á estación de servizo da capital na que se citaran para realizar a transacción, polo que os investigadores contactaron co titular deste, un veciño de Valencia, que mostrou a súa sorpresa ante a chamada, e informou que vendera o vehículo uns meses atrás e que o cría transferido.

Finalmente conseguiuse identificar e contactar co comprador de ambos os dous vehículos, comprobando que este -o imputado-, cambiara un ou varios díxitos do seu número de DNI nos datos que anotara nos contratos de compra venda de ambos os dous vehículos.

Ademais da imputación do delito citado, o comprador foi denunciado administrativamente por non solicitar a renovación do permiso de circulación do vehículo adquirido en Valencia e por carecer de seguro obrigatorio, así como tamén se puxeron os feitos en coñecemento da Axencia Tributaria.

Te puede interesar