DÍA DEL LIBRO INFANTIL

Inma Soto, narradora ourensá: "A lectura é un refuxio que permite viaxar onde queiras, cobrar mil vidas"

Inma Soto nunha das súas actividades nun centro (CEDIDA)
photo_camera Inma Soto nunha das súas actividades nun centro (CEDIDA)
Inma Soto, educadora ambiental e narradora emprega o conto infantil como medio de aprendizaxe e diversión para os máis pequenos

O 2 de abril de cada ano celébrase o Día do conto infantil, a literatura para os máis pequenos de cada casa que lles abre os ollos a unha realidade de soños onde todo é posible. O saber que conteñen estes libros e que transmiten unha chea de sabedoría e coñecemento para os cativos é esencial para o desenvolvemento da súa curiosidade, das súas inquedanzas, da súa formación de ideas e opinións, e sobre todo, da súa evolución en contacto co seu entorno.

Estes principios esenciais están moi presentes no traballo de Inma Soto e no seu labor como comunicadora entre os máis pequenos nas escolas e bibliotecas. "Vir a casa sempre gusta, que teñan en conta que son unha persoa de Ourense, que escribín un libro e poder facer actividades na biblioteca central da túa cidade é moi bonito", contaba Inma tras rematar unha das súas actividades na Biblioteca Pública de Ourense, nunha data tan especial para ela como é o Día do conto infantil.

A sensibilización e a literatura

Educadora ambiental e narradora tanto de profesión como por vocación, e que forma parte do colectivo NOGA de narradores orais galegos, Inma Soto leva 12 anos realizando actividades relacionadas coa sensibilización ambiental con nenos a través de contos e pequenas historias. "Atopei no conto a ferramenta que me permite amosar o patrimonio cultural e natural cunha maneira divertida e lúdica á infancia".

A literatura amable como ela a describe é o xeito que ten Inma de comunicarse cos cativos, de captar a súa atención e aprender sen aburrirse, con actividades que guían a historia. "Resúltame eficiente usar contos, podo transmitirlles determinados saberes e ao mesmo tempo pasámolo ben, facemos xogos, creamos rimas e normalizamos o uso da lingua galega".

Inma Soto demostra que aprender non é aburrido e que o coñecemento da man da literatura é unha ferramenta moi poderosa para a aprendizaxe dos nenos. A grande aceptación de actividades lúdicas en centros educativos e bibliotecas para os máis cativos cada vez teñen máis presenza, principalmente nas idades máis pequenas, e unha forte acollida polos propios nenos e polas familias e os docentes. "Parécenme actividades moi necesarias porque permiten crear esa especie de adición á literatura".

O paso a crear un conto infantil

Nun primeiro momento, Inma creaba historias breves para a infancia cando comezou a realizar actividades educativas para nenos, nos que trataba diferentes aspectos do medio natural, como incendios ou a polinización. Pero pronto decidiu realizar un proxecto persoal: autoeditar o seu primeiro libro infantil "Xela, a superheroína de aldea". "As escolas e as familias preguntábanme que de onde sacara a información para seguir traballando con ela, que lle parecía moi interesante. Así que decidín botarme cara adiante".

Unha pequena tirada do conto para deixar nas escolas e centros onde realizaba estas actividades converteuse en todo un éxito entre as familias. O seu primeiro libro infantil vai xa pola súa cuarta edición. "Esta pequena tirada ten vistas xa a unha segunda aventura da nena, que siga afondando en temas relacionados coa biodiversidade, natureza, protección do medio e conservación das nosas aldeas".

Pero para Inma, o máis importante que ofrece a literartura na infancia é a capacidade de converterse nun espazo seguro. "A lectura é un refuxio, é un lugar que permite viaxar onde queiras, cobrar mil vidas, ademais de ser divertida". E asegura que dende que son pequenos, os nenos van descubrindo pouco a pouco a maxia que teñen os contos.

Te puede interesar