Unha mesa redonda no Liceo percorreu tamén a traxectoria do fillo

Intelectuais ourensáns loan a obra de Quessada

Gonzalo Iglesias Sueiro, Manuel Buciños, Xosé Luis Méndez Ferrín e Xabier Lima. (Foto: Miguel Angel)
Como xa acontecera o ano pasado por estas datas, a Aula Cultural do Liceo acolleu un acto de homenaxe e lembranza das figuras, obras e personalidades de Xaime Quessada Porto e Xaime Quesada Blanco. Con tal finalidade, xuntáronse tras da mesa Gonzalo Iglesias Sueiro, conductor do coloquio; Xabier Limia Gardón, Xosé Luis Méndez Ferrín e Manuel Buciños.
O primeiro en dirixirse a unha audiencia que practicamente encheu a sala foi o profesor de Historia da Arte, Limia Gardón. A súa traxectoria como docente dictoulle unhas palabras que dedicou a repasar a obra de pai e fillo. Cadros coma 'El perro azul', depositado no Parlamento de Galicia, ou 'Entroido II' foron citados polo historiador, que definiu as pinceladas de Quessada como 'metaforicamente intensas'.

Iglesias Sueiro presentou en segundo lugar ó 'mago do bronce' Buciños, como o definiu. O que fora íntimo amigo de Quessada xa dende a súa adolescencia, empregou o seu tempo en lembrar anécdotas dos seus anos de estudio de Belas Artes, na madrileña Escuela de San Fernando. 'A Xaime non lle gustaba moito ir a clase -confesou-, pero sempre sacaba unhas notas bárbaras porque era un xenio, xa daquela era un xenio'. Buciños retomou tamén unha viaxe que fixeron xuntos a Exipto, pero que interrumpiron ó chegar a Florencia por falta de cartos. Alí, Quessada decidiu dibuxar e vender cadros para continuar. 'Unhas 100.000 pesetas sacamos en catro días', lembrou o escultor.

Manuel Buciños levou tamén o maxín cara ás viaxes que fixeron xuntos a París, onde tamén se dedicaron a pintar polas rúas. 'Ninguén pisaba os cadros de Xaime, era algo que só lle pasaba a el'. O 'mago do bronce' declinou seguir falando con un 'botámolo moitísimo de menos e comigo está presente tódolos días'.

Pechou o acto de homenaxe o escritor e presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín. Tamén el foi amigo de Quessada, incluso 'prenatal, porque as nosas nais foron amigas'. Ámbolos dous artistas naceron a moi poucos metros de distancia, nunhas familias de características semellantes. Ferrín lembrou a primeira imaxe que garda de Xaime Quessada, 'con tirabuzóns e vestido de terciopelo'. O presidente da RAG apelou a Ourense como 'cidade cunha vida cultural moi importante' que condicionou o desenvolvemento artístico do pintor. Do mesmo xeito, fixo un repaso polos 'moitos Quessadas' pintores, escritores e oradores, quedándose co 'menos amable', que cumpría a 'lei xeral da ambigüidade que debe rexer toda obra de arte'.

Mañá mesmo terán pasado tres anos dende o falecemento na súa casa de Vilar de Astrés do pintor Xaime Quessada. Dende dous días despois, os seus restos mortais uníronse no cemiterio de Señorín, no Carballiño, ós do seu fillo, Xaime Quesada Blanco, falecido no verán de 2006.

Te puede interesar