Tribuna

Irresponsabilidade e insensibilidade

"Mentres a xente está a sufrir, o bipartito, co seu alcalde á cabeza, agasállanos cun elenco de propostas propias dun mercado persa"

Desde o primeiro minuto no que se decretou o estado de alarma, e conseguintemente de confinamento, desde o BNG tivemolo claro: antepor o ben común, priorizando ás persoas, e as súas necesidades, por diante de calquera outra circunstancia, e por suposto da busca do rédito partidario (e oportunidades levamos tido abondo).

O virus está a golpear duramente, e en Ourense a situación está a ser especialmente difícil, o que nos obriga ás e aos representantes institucionais a redobrar esforzos e ser especialmente sensibles con aqueles que están sufrindo, ben pola perda dun ser querido, ben porque albiscan un horizonte cheo de nubarróns. 

Este é o momento da POLÍTICA, o momento  de remar todos e todas na mesma dirección, de traballar cóbado con cóbado e deixándonos a pel e as neuronas na búsqueda de solucións que contribúan a minimizar ou paliar a delicada situación pola que están a atravesar as nosas conveciñas e conveciños. A iso, e so a iso, tiñamos que estar adicados en corpo e alma, e non a converter o concello nunha sorte de espectáculo de maxia, no que cada día o goberno municipal saca un coello da chisteira. 

O goberno bipartito de Ourense é o único, das grandes cidades do País, que durante o algo máis de un mes, desde a declaración do estado de alarma, non  foi quen de convocar unha xunta de portavoces, xa non digo crear unha comisión de seguimento para avaliar a evolución da crise e monitorizar o que se está a facer, para facer os axustes precisos, se non para algo tan simple como escoitar e recibir as propostas dos grupos da oposición, que a bon seguro poderían complementar ás do goberno. Dito sexa de paso, oposición, non so a do BNG, que ten demostrado un enorme sentido da responsabilidade antes e durante esta situación. Si eu fora goberno, asegúrovos que me gustaría ter unha oposición que se comportara con tanta xenerosidade e compromiso.

Como iso non foi posible, a pesares de pedilo polas canles oficiais, desde o BNG non quedamos quedos nin calados, e por iso temos trasladado unha batería de propostas, e máis que faremos, que pensamos poden axudar nestes momentos de zozobra.  

Por iso, neste contexto tan complicado e doloroso, resulta difícil de entender como, coa que está caendo, alguén pode ser tan insensible, tan superficial e tan pouco empático. Mentres a xente está a sufrir, sumida nun mar de preocupacións, o goberno bipartito, co seu alcalde á cabeza agasállanos cun elenco de propostas máis propias dun mercado persa que dunha administración seria que debía estar centrada na loita contra a crise. Propaganda en tempos de crise, día sí, día tamén. Anuncios e máis anuncios, que presentan máis dúbidas que certezas, cando non concrecións de dubidosa viabilidade. É realmente necesario, neste momento, recurrir a esta estratexia da confusión? Non, para un goberno que poña por diante os intereses das veciñas e veciños. Si, para un goberno que no único que está pensando é en como obter un titular, ao prezo que sexa, e de paso ver de tirar algún rédito electoral.

E á fronte desa coalición de intereses, unha persoa que ten demostrado, ao longo da súa traxectoria política, a súa total falla de escrúpulos. Extraño conceito da democracia o seu. So un oportunista pode actuar deste xeito no medio dunha crise sanitaria sin precedentes, en vez de concitar adhesións e aunar vontades. Eu alcumeino "Diego" por facer o contrario do que dí, máis cecais haxa que rebautizalo e chamarlle Juan, polo de Juan Palomo, "yo me lo guiso yo me lo como".

Te puede interesar