Presidente do PP de Ourense

José Luis Baltar: ‘Nunca fixen na miña vida un favor pensando en cobralo’

Baltar, ó remate da entrevista. (Foto: M.P.)
Botando unha ollada a súa biografía e tendo en conta os seus comezos, pegáballe máis ser socialista?

Non sei por que. O de ser socialista é un esnobismo. Din que só se preocupan polos pobres e eu non vexo iso. Eu enroleime en Unión de Centro Democrático porque cría en Franqueira, unha persoa que estaba dando oportunidades ós ricos e dábanos facilidades ós pobres.
Eu tamén fun granxeiro naquel intre. Agora son do PP e considérome tan progresista como calquera deles. A proba é que podía quedarme e voume. A min non me serven os principios só como ideoloxía se despois non se levan á práctica. E dentro do PP sempre puiden cumprir a premisa de servizo ó cidadán.

Ten 69 anos, cando revisa a súa vida que ve?

Vexo moito traballo e que non acadei o que pensei cando era máis novo: situar noutro lugar á provincia. Por eso me vou, para que outros o consigan. Sabe o problema que temos os galegos?, que cando saimos fora de Galicia esquecémonos de que somos galegos. Hoxe temos tres ministros, en departamentos inversores, e non hai cambios.

Rajoy esqueceuse?

Impulsou naquel intre un proxecto importante para Ourense, o de San Francisco, e mire como está. Queríase levar a cabo o Plan Galicia, e veu Magdalena Álvarez, o peor pau para Ourense dende hai 40 anos.

Se puidera volver atrás, dedicaríase á política, porque creo que tivo vocación relixiosa?

Non merecería a pena.

Faría carreira na curia?

O mellor hoxe sería bispo. Cando fun o seminario non tiña vocación pero os meus pais non tiñan medios para estudarme. Despois tiven que ir traballar cando a miña nai quedou viúva e tiven que traballar para sacar a familia adiante. Daquela, coñecín a Alicia e namoreime. Caseime namorado e sigo namorado. Para min a familia é sagrada, porque nunca me falla e na política falláronme moitas cousas. Na familia todo é paz e satisfaccións. O que pasa é que a política é como unha droga, méteste e despois precisas chutarte todos os días. Agora teño que facer unha cura para desintoxicarme.

Dicía Manuel Fraga que Alicia Blanco era a muller que máis mandaba en Ourense...

Non é certo. El o dicía polo cariño que sabe que lle teño a miña muller. Ela foi a viúva dun vivo nestes anos, cunha grande capacidade de sacrificio.

Faise necesario o sentido do humor para dedicarse ás tarefas de goberno?

Por suposto. Son moi esixente co que está o meu lado pero nunca se quebra o humor. E non son rencoroso, dou oportunidades, pero son inflexible ca deslealdade.

A proximidade coa xente tamén lle funcionou?

A virtude do político é poñerse na situación da xente que precisa algo.

Pero os inimigos ven nesa forma de gobernar unha actitude clientelar.

Nunca fixen na miña vida un favor pensando en cobralo. E nunca lle pedín o voto ós que lle fixen favores. Pero para sentarse ás 8,30 da mañá e estar recibindo a xente ata as 14,30 hai que ter moita correa.

Fixo vostede cartos en política?

Fun un home traballador. Teño un bo soldo, gasto pouco -non teño tempo- e con eses cartos fago inversións. Nin a miña familia nin eu andamos en saraos alternando coa jet. Levamos unha vida normal.

Como lle gustaría que o recordaran?

Como un home bo e xeneroso.


Te puede interesar