CAFÉ DE REDACCIÓN

José Ramón Gómez Besteiro: “Eu fun autónomo, outros levan 20 anos no Parlamento”

José Ramón Gómez Besteiro é o candidato do PSOE á presidencia da Xunta de Galicia

José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) promete un proxecto para Galicia baseado nas comunicacións, que deixe atrás as dúas velocidades do territorio, onde as cousas avanzan máis lento para o interior. O candidato socialista á Xunta repasa en Telemiño os asuntos pendentes en Ourense. 

Di Rueda que as eleccións en Galicia serán cando lle veñan ben a Galicia e, de ser agora, que o PP o tería máis fácil…

Un pouquiño de subidón ten o presidente Rueda. Creo que as vai adiantar porque está especialmente nervioso, ten medo ao que vai acontecer, que é que o PP deixe o goberno e perda a maioría.

Ten a sensación de estar xa en precampaña?

Totalmente, en Galicia estamos claramente en precampaña.

Tren do Miño, rebaixa de peaxes e xulgado de violencia de xénero: son as prioridades firmadas no acordo de investidura. Non quedaron escasos?

Ese acordo é un acordo onde o PSOE incorpora ao BNG, que non era necesario para obter a maioría absoluta, pero considerouse oportuno incorporar aos nacionalistas nesta cuestión. Pactamos cousas nas que estabamos de acordo, pero non van ser as únicas. A acción do Goberno en Galicia vai ser moita máis. Queremos aumentar a capacidade das infraestruturas, mellorar o ferrocarril, completar ese ciclo de autoestradas no 2024 e a finalidade de liberar a Galicia dos peaxes que impuxo o PP. A AP-9 é un feito este ano coas bonificacións, pero vanse ampliar o ano que vén ata o 75%. E as mesmas condicións teraas a AP-53. A conexión de Santiago con Ourense será moitísimo menos gravosa.

José Ramón Gómez Besteiro
José Ramón Gómez Besteiro

Que vai ser da intermodal de Ourense, que segue nun caixón?

Hai un proceso de licitación aberto e o Goberno ten vontade decidida de executar esa intermodal, que supuxo un frenazo  importante cos gobernos do PP -xustamente os que esixen agora actuacións- foron os que condenaron a Galicia e a Ourense a retrasos de 10 anos. Agora temos que facer dobre impulso, como a liña de ferrocarril entre Lugo e Ourense, que non estaba nin electrificada. Os socialistas aspiramos a máis, Galicia ten que ter un protagonismo maior na vida do Estado. Vímolo agora cando na investidura falamos máis de autogoberno. Eu vou defender que Galicia non mire hacia adentro, senón de forma orgullosa e moderna hacia fóra.

A Deputación de Ourense aprobou un plan de reparto que era unha demanda histórica dos socialistas. Quedase nun acordo puntual ou terá unha repercusión extrapolable ao Concello?

Creo que queda nun acordo puntual da Deputación. Era a única que non tiña un plan único para todos os concellos. Ese plan único levao habendo nas deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra nos últimos 10 anos. Ademais, queremos que ese plan único se eleve á Xunta, porque a Xunta discrimina aos concellos que non son da súa cor.

As cousas son ben diferentes no Concello de Ourense, onde non hai nin acordos puntuais. Que opina da xestión da cidade?

A xestión da cidade ten moito que ver cun acordo que hai con quen ostenta hoxe a Alcaldía e quen ostenta a Deputación, DO e o PP. Ese déficit que se observa no Concello é responsabilidade de quen avala ese descorrer, que creo que é costa abaixo. E non só en Ourense, senón no resto de Galicia, percibimos que non é a situación idónea. Cada dous por tres vemos que hai líos en Ourense, pero ten responsables.

Agora que o PP retirou o seu apoio a DO, sería viable unha moción de censura?

Creo que hai un acordo firmado, mentres non especifiquen que ese acordo xa se rompeu, non convén facer especulacións. O que é evidente é que hai un pacto firmado entre PP e DO. Falar de futuro non ten sentido mentres ese acordo exista.

Como valora a proposta do Concello de Vigo, que di que o Nadal vigués debe contemplarse nos orzamentos da Xunta ao nivel da promoción do Xacobeo?

Creo que o Nadal de Vigo é unha festa que nos últimos anos é referente, e creo que iso ten que ter apoio por parte da Xunta. Aínda que a Xunta leva anos de costas a Vigo e das grandes cidades.

Acaba de ser nomeado presidente da comisión de transportes. Como vai repercutir en Galicia? Por outra banda, a área metropolitana, aprobada, non funciona porque Vigo non se incorporou a ese plan. Se é presidente da Xunta, poráa en marcha?

Non funciona porque os plantexamentos da Xunta son absolutamente equivocados e de espaldas a quen representa á maioría desa área metropolitana. En todo caso, o fiasco interior da Xunta é total, non só na parte máis urbana ou no Corredor Atlántico. Todo o que responde a transportes interiores, responsabilide da Xunta, é un auténtico fiasco.

“Hai unha Galicia interior e unha costeira. Hai que rachalo. O fiasco da Xunta é total”

Para vostede sería prioridade o transporte metropolitano?

Absolutamente. A relación, non só coas grandes cidades, senón coas cabeceiras de comarca e cos concellos, é fundamental mudala. Vivir de espaldas á vida dos concellos e das grandes cidades é un erro, porque en Galicia cabemos todos. A puxanza das áreas metropolitanas vai moi relacionada coas comunicacións interiores de Galicia. Eu que son de Lugo percibo realidades distintas, como percibimos en Ourense. Unha das eivas da Xunta nestes 14 anos foi non romper con esas dúas Galicias. Hoxe hai unha Galicia interior e unha costeira, iso hai que rachalo e as áreas metropolitanas poden ser unha arma se se utiliza eficazmente.

En 2030, haberá  saída ferroviaria sur cara a Portugal, outra demanda histórica de Vigo.

Haberá gracias a que hai un goberno socialista que está implicado, porque se botamos a vista atrás, nos anos de Rajoy e Ana Pastor, as infraestruturas sufriron un parón total.

Algunha proposta para o sector industrial vigués?

A Xunta aparece no apoio industrial como figura testemuñal. Hai dúas maneiras de actuar no campo industrial: a aposta pola enerxía, que é un dos principais costes das empresa galegas. Promovemos un proceso onde teñamos máis enerxía e máis barata. Ou potenciando os pertes, como imos facer co automóbil, o naval, a conserva… Son axudas directas ás empresas. Mentres tanto, a Xunta non se sabe en canto vai apoiar esas iniciativas estatais, permanece pasiva. Os galegos non podemos permitir que a Xunta esté pasiva en tódolos procesos.

Ten criticado a situación da sanidade galega, polo que tacha de abandono do goberno popular. Que propón?

Unha actuación de choque directo en favor da Atención Primaria, que foi a gran damnificada da acción do goberno do PP e hoxe percíbeo calquera cidadán. É inasumible, igual que a perda de efectivos, sobretodo onde hai problemas de despoboación e envellecemento. Hai unha perda da credibilidade e do peso do servizo galego de saúde nesas zonas. Temos que mellorar infraestruturas, afrontar o tema da saúde mental directamente en Atención Primaria. O gran golpe é o choque en favor da Atención Primaria. Hai que reter ese persoal sanitario que moitas veces fuxe a outras comunidades, cando non fóra de España. A sanidade é piar básico para a sociedade.

“Son un damnificado da acción xudicial, pero houbo moito de política en todo aquilo”

No terreo máis persoal, que lle parece que Pilar de Lara siga exercendo como xuíza?

Eu miro para o pasado sen rencor. Todos saben como foi esa actuación xudicial. Afortunadamente, podemos falar con liberdade de criticar decisións xudiciais e non pasa nada, porque estamos en democracia. Hai uns anos parece que calquera crítica era un agravio contra a independencia dun xuíz. Que quere que lle diga. Eu son, evidentemente, un damnificado dunha acción xudicial. Pero tamén houbo moito de política en todo aquilo. Esa experiencia fíxome máis forte e percibín o futuro dun xeito distinto. Si espero que no futuro non se volvan a producir esas cousas. Non digo a min, que xa sería moita coincidencia… Pero que non aconteza e que teñamos a capacidade de reaccionar contra este tipo de accións.

Dalgún xeito, tivo que empezar de cero a súa carreira?

Non. En absoluto. Durante oito anos fun autónomo, que tamén é unha experiencia que me enriqueceu fronte a outros candidatos que levan 20 anos no Parlamento autonómico. Tanto Rueda como outros candidatos, que levan moito tempo aí, pois eu estiven na vida política e neses períodos de vacación política, adiqueime á miña profesión. Iso enriquece porque eu sei o que pode padecer un autónomo.

“Temos que ser protagonistas desta España plurinacional e non vivir pensando que estamos agochados”

Din que vostede é unha das grandes apostas de Pedro Sánchez. Séntese respaldado?

Si, totalmente. Por Sánchez e polo partido. Que en Galicia non tiveran que celebrarse as Primarias porque as outras candidaturas non prosperaron é un reflexo de que o PSOE está unido nun proxecto, que non é individual de Besteiro, senón dos socialistas. O compromiso con Galicia de Sanchez é ineludible. É o presidente máis galego dos corenta anos de democracia. Hai que mirar hacia fóra e sen complexos. É o que defendimos os socialistas cando levamos o galego ao Congreso por primeira vez. Temos que ser protagonistas desta España plurinacional e non vivir permanentemente pensando que estamos agochados nunha esquina do noroeste peninsular, na que o vento de fóra é moi malo e nós somos os mellores.

Foi o primeiro en levar o galego ao Congreso. Vox levantouse e marchou. Alguen máis lle fixo saber as súas impresións?

Creo que a inmensa maioría estamos a favor, é o máis normal. Podemos falar en diferentes idiomas no Parlamento europeo, non imos poder falar en España nos nosos idiomas? Pero os de Vox están a outra cousa, e o PP tamén. Ese é o erro no que caen, a radicalización e non asumir as normas da democracia de que goberna quen sume máis apoios.

José Ramón Gómez Besteiro en Telemiño
José Ramón Gómez Besteiro en Telemiño

E cal é o gran proxecto de Besteiro para Galicia?

Temos que facer unha Galicia orgullosa e potente, crendo nas nosas posiblidades. Temos enormes posibilidades na reindustrialización, temos que aproveitar todo o que vén novo de Europa. E incluso de España, que mira a Galicia dun xeito distinto. Antes fuxía a industria, agora hai que voltar a traer a industria e temos un arma moi poderosa: a enerxía. Somos capaces de producir moita enerxía e a industria vai moi vinculada a iso. A Galicia de dúas velocidades ten que rematar. Percibimos como é Lugo e Ourense e como está funcionando A Coruña e Pontevedra. Temos que ser capaces de que o motor de Galicia funcione en igualdade no interior. Temos que centrarnos en problemas de envellecemento da poboación, de como prestamos servizos a esa nova economía que hai. A Galicia verde ten moitísima potencia, temos que reter o talento que se está marchando. A reindustrialización significa poder formar a moita máis xente aquí e ter traballos ben remunerados. Esa Galicia é ilusionante e orgullosa cara a fóra. Temos que xogar un papel importante, non só en España. Non podemos perder os lazos con América Latina, onde somos protagonistas, ou con Centroeuropa.

Durante anos tivemos un presidente de Ourense (Feijóo). Ter un de Lugo garante aos ourensáns esa discriminación positiva pola que clamamos historicamente?

Feijóo arrastra as palabras agora, parece máis de Madrid que “la Ayuso”. Eu creo que nunca actuou como persoa que viviu no interior, esas cousas nótanse. Eu son do interior, percibo a Galicia interior e sei cales son as eivas. Hai que ter vontade para unir esas dúas partes de Galicia. As aportacións de Lugo e Ourense non son as mesmas que as de Pontevedra e A Coruña, pero é necesario que funcionen conectadas. Por iso a nosa aposta é comunicar todo e sen peaxes. O camiño da gratuidade na AP-53 a Ourense é fundamental. Non era só falar da AP-9. Porque Lugo e Santiago xa van estar comunicados por autovía sen peaxes no 2024. Que nos falla? A conexión Lugo e Ourense nas infraestruturas, pero non é so cuestión de infraestruturas. E que as novas industrias tamén se centren na Galicia interior. As novas enerxías verdes que xeran industrias e talento tamén se teñen que producir nas provincias de Lugo e Ourense.

Aposta por un modelo enerxético.

Totalmente. Galicia é un territorio enerxético. Nos últimos anos houbo bloqueo das renovables por Feijóo e Rajoy. Deberíamos ter unha empresa 100% pública que fose capaz de impulsar os proxectos da man dos que son produtores enerxéticos. A nosa imaxe é similar ao ente vasco de enerxía, aí si que actúa nas comunidades locais. Damos entrada aos municipios para que teñan enerxía máis barata, as comunidades nas que están insertadas eses proxectos eólicos ou de renovables, repercutan directamente nos veciños, con beneficios non só enerxéticos. O PP o que fixo é xerar un ente opaco que non vai ter relación coa produción enerxética. Podemos ser o Kuwait das enerxías renovables, porque temos auga e vento e iso non o teñen moitas comunidades en España.

Falta que os veciños se beneficien deses proxectos enerxéticos.

Aí está a labor da administración, de integralos. Por iso defendemos unha sociedade 100% pública de enerxía.

Ten a sensación de que repite un ciclo ao presentarse á Xunta e que “desta vai”?

Teño a percepción de que o cambio está a punto e será posible na medida en que o PSOE lidere esa alternativa ao PP. Vímolo nas xerais. O PP é un proxecto esgotado.

Te puede interesar