O proxecto do restaurante, aprobado pola asamblea, dependerá do remate das obras de reforma

O Liceo ten previsto reabrir o Salón Nobre durante este ano

Situación actual do Salón Nobre do Liceo. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Os dous anos e dous meses que pasaron dende que o Salón Nobre do Liceo pechara as súas portas para volver cun corpo renovado, que non distinto, terán a súa fin nos próximos meses. Isto é o que agardan dende o espazo cultural e de recreo ourensán. Hai arredor de dúas semanas, membros da directiva mantiveron unha reunión co director xeral de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, na que lles confirmou que o proxecto de remate das obras estaba 'redactado e só faltan os trámites administrativos', segundo afirma o xerente do Liceo, José Luis Troitiña.
Unha vez perfilados os detalles que restan da licitación das obras,

soamente quedará acometelas. Segundo as informacións das que gozan os directivos do Liceo, o presuposto estimado ronda os '60 mil euros'. Dende Patrimonio confirman a proximidade de execución do proxecto, pero non foi posible recoller maior número de detalles por parte da Dirección Xeral. Con todo, Troitiña retoma as palabras de Rey Pichel ratificando a vontade de levar a bo termo a reforma do espazo cultural por antonomasia do Liceo. 'Eu creo que durante este ano teremos o Salón Nobre aberto de novo', confesa o xerente da institución.


PROXECTO DE RESTAURANTE

Nese preciso momento poderán comezar a formular de xeito máis concreto o proxecto de creación dun restaurante no que hoxe constitúe a Aula Cultural; un proxecto aprobado en asamblea ordinaria o pasado 24 de febreiro polos socios e que o actual presidente, José Carlos Martínez-Pedrayo García, levaba no seu programa antes das eleccións.

A intención do Liceo para a iniciativa de restauración pasaría por outorgarllo a un concesionario que desenvolva as obras requeridas e o manteña en aluguer durante unha serie de anos para reembolsar a inversión. Tendo en conta sempre 'a base de que se trataría dun servizo para os socios do Liceo', insiste José Luis Troitiña. Así que a viabilidade do proxecto o permita, os reto de 220 metros cadrados dos que dispón a Aula Cultural convertiríanse, deste xeito, nun restaurante perfectamente equipado con servizo para un centenar aproximado de comensais.

Ademais de xantares individuais, os socios do Liceo poderán dipoñer del tamén para medianas celebracións familiares. Os servizos serán aboados como en calquera outro establecemento, sin supoñer un incremento nas cuotas anuais. Polo de agora, o proxecto permanece en espera, agardando a que o Salón Nobre volva acoller boa parte da cultura ourensá.

Te puede interesar