A luz rexistra máximos e os encoros están baixo mínimos en Ourense

photo_camera Protesta en Ourense para exigir la bajada del recibo de la luz
Preto dun cento de persoas manifestáronse na Praza do Ferro contra a suba da factura da luz. Reivindicaron a creación dunha tarifa galega e criticaron o “espolio dos nosos recursos naturais”.

Arredor dun cento de persoas concentráronse este domingo na Praza do Ferro para protestar contra “unha tarifa de luz abusiva”. O certo é que, mentres a factura da luz encadea máximos históricos, tres encoros ourensáns -concretamente as presas de As Portas, Cenza e Salas-, adicados en exclusiva á produción hidroeléctrica, rexistraron mínimos históricos de reservas de auga.

A mobilización, convocada pola CIG, comezou ás 11,30 horas e a súa principal demanda foi a da creación dunha empresa pública de enerxía galega, que conlevaría unha tarifa eléctrica propia. A CIG explicou que esta tarifa eléctrica permitiría un “aforro moi considerable”, comezando pola redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico, por sermos unha comunidade produtora excedentaria de enerxía. Esta protesta estendeuse a todo o territorio galego, con 20 mobilizacións. En Ourense, ademais da cidade, houbo unha concentración en Verín.

“O oligopolio eléctrico machaca os nosos ríos e arrasa os nosos montes. Estannos espoliando os nosos recursos naturais”, proclamou o voceiro da CIG. Outras críticas que se lanzaron foron a connivencia de PP e PSOE, dende os gobernos autonómico e estatal, a este “ataque ás clases traballadoras e aos negocios”, recordando que “moitos membros de gobernos populares e socialistas acabaron en consellos de administración de empresas eléctricas”. A este acto tamén asistiron representantes municipais e autonómicos do BNG, que tamén despregaron pancartas reclamando a nacionalización das empresas enerxéticas.

Celso, un veciño que se achegou ata a concentración, asegurou que se manifestaba porque “estannos roubando a nosa enerxía e cobrándonola a prezo de ouro, son uns ladróns”. A protesta rematou tras media hora de berros como “Galiza non atura a suba da factura” ou “enerxía, dereito universal”.

O sindicato anunciou máis mobilizacións nos vindeiros días e anunciou a convocatoria dunha queima pública de facturas para o vindeiro día 3 de outubro. Pola súa banda, o BNG, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, informou de que están recollendo firmas para “amosar o enfado e o descontento social”, ao tempo que invitou á xente a participar nun acto simbólico o vindeiro 8 de outubro: un “apagón eléctrico masivo” e unha cazarolada entre as 22,00 e as 22,30 horas “para protestar contra a suba continua do prezo da luz”. Ademais, tamén anunciou que se rexistrarán novas iniciativas parlamentarias a próxima semana.

Te puede interesar