A Asociación de Mulleres Cineastas e Medios Audivisuais presentou as súas reivindicacións no festival

O mundo do audiovisual mantén as súas portas pechadas á aportación feminina

  Enrique Nicanor e César Silva xunto a Chelo Loureiro e Eva Lesmes, durante a presentación de CIMA. (Foto: Miguel Ángel)
O colectivo de mulleres cineastas protesta pola discriminación que sufren. O OUFF serviu de esceario para que directoras, produtoras, guionistas e actrices esixiran unha vez máis igualdade de oportunidades fronte ós homes.
Cando hai tres anos nacía CIMA, a Asociación de Mulleres Cineastas e Medios Audiovisuais, non xurdía dun xeito casual. As conclusións do seu primeiro estudio evidencian a necesidade que existía de agrupar a un colectivo moi marxinado. Unha afirmación avalada polo taxante dos datos, que son tan fríos como que das películas feitas dende 1996 ata 2006, un 93% levan a firma dun home, e únicamente un 7% foron dirixidas por mulleres. O peor é que a esa preocupante proporción hai que engadirlle que desa porcentaxe feminina, soamente a metade repetiu experiencia. A outra metade non fixo máis filmes.

CIMA conta con tres delegacións, a andaluza, a catalá e dende o seu inicio cunha en Galicia, que dirixe Chelo Loureiro, unha vella colaboradora do OUFF e a quen onte escoitamos en Ourense enumerar toda unha lista de reivindicacións en nome das mulleres cineastas.

Esas esixencias pasan por darlle unha volta á realidade. E a realidade, no caso das actrices, fala de que non se escriben papeis protagonistas femininos. As mulleres son as eternas secundarias, personaxes de apoio, e cando a historia xira en torno a elas na maioría dos casos redúcese a dous papeis, ama de casa ou prostituta.

Productoras e guionistas

Productoras e guionistas tampouco o teñen nada doado para facerse cun sitio nun mundo no que os homes son os que marcan o ritmo. Xuntas protestan como mellor saben facelo, con cine, co filme ‘La mirada ausente’. Aí están as testemuñas de Isabel Coixet, Patricia Ferreira, Chus Guitiérrez, Eva Lesmes, Gracia Querejeta...

Todas coinciden na importancia de provocar o cambio que garanta o relevo xeneracional.

E outra agrupación, a que aglutina ao colectivo de cineastas galegos, a Academia galega do Audiovisual (AGA), visitaba tamén onte a carpa do festival. A AGA presentaba na cidade das Burgas o seu balance anual ou o que veñen a chamar os ‘Papeis da Academia 2008-2009’, que este ano ven acompañado por un cd que reúne algunhas das composicións de Milladoiro para o cine. O exemplar repasa as producións feitas en Galicia no último ano, recollendo tamén debates en torno ao tema, eventos e festivais, e unha cronoloxía relacionada co audiovisual.




Te puede interesar