Diarios do pasado

Novos reumáticos de época romana

Reproducción das aras das Burgas no Centro de Interpretación.jpg_web
photo_camera Reproducción das aras das Burgas no Centro de Interpretación.

Ler a Florentino Cuevillas sempre é unha delicia. E non falo exclusivamente dos escritos sobre a antigüidade e a prehistoria de Galicia, se non dunha magnífica creación literaria, a miúdo adornada coa erudición que lle outorga o sólido saber arqueolóxico que sempre demostrou. Saiban, caros lectores, que Cuevillas sentiuse desde moi novo atraído pola narrativa. Seguramente esa querenza afianzouse nas aulas que impartía o catedrático de Literatura Prudencio Mudarra y Párraga na universidade madrileña, cando o flamante farmacéutico Florentino Cuevillas decide, con vinte e cinco anos, marchar a Madrid para cursar Filosofía y Letras, que entón incluía os estudos de Historia.

Estes días relía algunhas páxinas do libro “Cosas de Orense”, unha escolma de artigos seus publicados no diario La Región e editado polo Concello de Ourense en 1969, case dez anos despois do seu pasamento. Ao longo de máis de cincocentas páxinas, Cuevillas traduce os pulsos da cidade en intelixentes latexos que mesturan a cotidianeidade desta pequena urbe de provincias coas olladas a un pasado sempre presente no seu maxín. E hoxe lembrareilles un que dedicou a “cuatro reumáticos de época romana”. Ben saben que Cuevillas sufriu unha reuma que lle dificultou seriamente o movemento, ata case impedirlle o traballo de campo arqueolóxico unha vez que se achegou á cincuentena. Nese artigo rescataba do anonimato a varios personaxes da provincia ourensá, dúas mulleres e dous homes que lles dedicaron catro aras -altares- ás antigas divindades das augas termais. Esas persoas eran Capurnia Abana, Acloviana, Boelio Rufo e Aurelio Flavo, que mitigaban o padecemento das articulacións encomendándose aos deuses das termas Ourense, Bande ou Baños de Molgas. Como mostra de dramatización, reproducimos literalmente un parágrafo: “Boelio Rufo estaba empleado en las postas imperiales de la mansión de las Aguas Querquernas. Sin ser mal hombre, era arrebatado y violento; murió un día que le dolía un hombro y un caballo, al que castigaba furiosamente, le deshizo el cráneo de una coz”. Estou seguro de que Cuevillas coñecía perfectamente as propiedades sanadoras das augas termais, posto que fora relator das “Jornadas Médicas Galaico-Portuguesas” que se celebraron en Ourense entre os días 26 e 30 de setembro do ano 1935 e presididas por José L. García Boente. Tradicionalmente as augas das Burgas empregáronse para paliar patoloxías da pel e dos osos, fundamentalmente artríticas, se ben nos últimos anos os estudos médicos e químicos amplían a virtudes crenoterápicas dos mananciais de Ourense a outras patoloxías e tratamentos, como as bucodentais e fibromiálxicas.

Naquel momento na cidade só se coñecía a ofrenda de Calpurnia Abana Aeboso ás ninfas das Burgas. Pero as escavacións que promocionou o Concello de Ourense neste lugar nos inicios deste século XXI demostran a existencia dunha nova divinidade nas fontes da Burgas, Revve Anabaraego, e polo momento cinco novos oferentes, cos sonoros nomes de Quintio, Memmius Evaristus, Severus Luperci, Caius Faberus Hiametus e Titus Flavius Flavinus. Son outros cinco doentes, piadosos devotos que viñeron a pedir favor ao deus Revve Anabaraego cando habitaba as augas das Burgas e a dotaba das súas propiedades terapéuticas. Non sabemos se os males eran reumáticos, como supoñía o prehistoriador ourensán para Capurnia Abana, Acloviana, Boelio Rufo e Aurelio Flavo. O que daría eu por saber como Cuevillas houbese novelado a biografía deste novos devotos!

Te puede interesar