Sobrado do Bispo abarata a factura da luz cun parque solar

Paneles fotovoltaicos.

O Concello de Barbadás sacou adiante no pleno a proposta do goberno local para a mellora do financiamento para o cumprimento da lexislación sobre benestar animal. Foi cos votos a favor de todos os grupos agás o PP, que se abstivo. O Concello, referente en materia de protección animal, entregou a Progape, asociación protectora de Ourense, 65 cans e gatos domésticos que foron abandonados ou perdidos ao longo do ano 2023. Segundo manifestou o goberno local, agora existe no concello unha problemática coas colonias felinas e colabórase con dúas asociacións, asumindo o Concello a maior parte dos gastos de alimentación, as castracións e a atención veterinaria urxente. Para levar a cabo este traballo de benestar animal son necesarios medios propios cun custo elevado, polo que solicitaron a Xunta, Deputación e Estado os recursos precisos sen que sexa necesario usar fondos municipais.

O pleno tamén deu luz verde, coa abstención de Ramón Padrón (Partido Galego), ao último trámite para a posta en marcha da comunidade enerxética Barbadás Enerxía, que ten como obxectivo que os veciños aforren no recibo da luz. Ata 24 instalacións municipais foron analizadas para poñer en marcha o proxecto coa instalación de paneis solares e decidiuse levar a cabo na pista polideportiva cuberta de Sobrado do Bispo, xa que conta con maior capacidade. As placas fotovoltaicas darán servizo á poboación que resida nun radio de dous quilómetros, é dicir, a esta localidade e a unha parte de Bentraces e Barbadás. Debido a que nesta instalación de Sobrado do Bispo apenas se rexistra consumo eléctrico, o excedente pasaría a ser utilizado polas persoas que forman parte da comunidade enerxética.

Na sesión tamén se aprobou, cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións da oposición, a prórroga do convenio de colaboración coa Xunta para accións de promoción da utilización do transporte público en Barbadás. Outros acordos aos que se lles deu luz verde por unanimidade no pleno foron a modificación da ordenanza de convivencia cidadá e a ordenanza de animais domésticos e salvaxes en catividade. Tamén prosperou, co apoio dos grupos agás o PP, a moción do BNG a prol dunha ordenanza e dun servizo de normalización lingüística. 

Reforma calzada romana

O Concello anunciou onte que mellorará a seguridade na rúa Calzada Romana coa colocación de baldosas e unha varanda nas zonas de maior altura, cun orzamento de 70.000 euros.

Te puede interesar