REPORTAJE

Olelas, unha aldea máxica en Entrimo

Dibujo
photo_camera Portada del libro-disco.

Xurxo Souto presenta na asociación Via Vella (20,30 horas) o libro-disco "Sindo de Olelas", a historia dun tocador de concertida e de todo un territorio único na fronteira ourensá.

O cantante e escritor Xurxo Souto (A Coruña, 1966) coñeceu Olelas, unha aldea máxica de Entrimo, en Santiago de Compostela. Na universidade, o seu amigo Pepe só lle falaba deste recuncho da fin do mundo, alí onde acaban as estradas. Olelas tivo a sorte de ter a Sindo, un dos últimos tocadores de concertina galegos. Morreu hai uns anos e o escritor recupera a súa xesta co libro-disco "Sindo de Olelas, Concertina Galega". A publicación, editada por aCentral Folque, conta a historia desta "aldea empoleirada na montaña" (así lle chaman os veciños das sesenta casas).

Ademais, inclúe 27 gravacións orixinais de Sindo de Olelas con partituras transcritas por Pedro Pascual. Eutropio Rodríguez é o encargado das panorámicas de Olelas vista dende Portugal. A asociación Vía Vella de Ponte Canedo acolle a presentación do proxecto co autor e co fotógrafo hoxe ás 20,30 horas, no local do Andén Primeiro (avenida de Marín, sen número). aCentral Folque tamén presentará outras novidades das súas coleccións "Cámara escura" e "Chave mestra".


A danza da fin do mundo


"En Olelas tocan todos os veciños", adianta Xurxo Souto, fascinado con esta aldea ourensá da que escoitou falar por primeira vez hai xa 30 anos. 

A matanza, o Entroido, Reis, domingos de verán ou calquera reunión da comunidade xiran ao redor da concertina, o acordeón diatónico que tan ben tocou Sindo de Olelas. Nas festas da aldea hai unha orquestra, pero a festa é no descanso. Sen que ninguén lles diga nada, sen ningún sinal, os veciños bailan ao son das concertinas, que se suben ao palco no descanso para darlle sentido ás tradicións.


A aldea de París


Olelas é unha aldea emigrante. No verán só se falan dúas linguas: o galego e o francés. A maioría de veciños vive en París durante o inverno. Moitos, algúns descendentes de Sindo, levaron o acordeón a Francia triunfando. Sindo de Olelas tamén emigrou a unha cidade francesa. "Cando volveu, fixo unha casa e no salón puxo un palco para poder tocar nas festas. Sindo é a expresión máxima de Olelas. Era un músico extraordinario. O primeiro da súa vida era a música", relata Xurxo Souto, emocionado con esta historia que lle parece–así é–única. Engade a definición de Sindo de Olelas da súa terra: "O seu anaquiño do ceo".

Xurxo Souto di que Olelas é unha revelación. No ímpeto de poñer en valor Olelas, o escritor reivindica a ruta que antigamente se facía neste territorio. 

Te puede interesar