Se todo marcha segundo as previsións do Concello, o Xardín Botánico de Montealegre estará aberto antes do verán. Os operarios apuran estes días a plantación de madroños e alcornoques, ó tempo que rematan obras.

Ourense dende Montealegre

O edificio que acollerá o Centro de Interpretación está practicamente finalizado. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
Falta pouco para que o Xardín Botánico de Montealegre abra as súas portas de xeito oficial. Se todo marcha como ata agora e segundo o agardado, as obras serán entregadas en maio. A día de hoxe, a estructura do recinto está practicamente completada, coa maioría das repoboacións listas e o groso dos edificios rematado. Restan, deste xeito, algúns detalles que, tal e como confirman dende o Concello, onde onte explicaron as obras feitas e as pendentes, farán de Montealegre o maior parque de flora mediterránea do Noroeste peninsular, coa incorporación estes días de madroños e alcornoques.
Cunha superficie total de 122.000 metros cadrados e un orzamento de tres millóns de euros, financiados a través do Plan E, os traballos acometidos inclúen a plantación de máis de 3.000 árbores e arbustos de flora mediterránea. Entre eles, salientan uns 800 son carballos específicos da zona pirenaica, 500 de sobreiras e outros tantos de especies de arbustos que serven para garantir a preservación na zona deste tipo de hábitat. Das 700 especies de flora existente en Ourense, arredor de 200 están presentes no xardín de Montealegre.

En canto ás instalacións das que antes do verán poderán gozar os usuarios, unha das maiores atraccións do espazo botánico é o mirador, dende o que pode contemplarse toda a cidade. Ademais del, a entrada do recinto presenta o Centro de Divulgación e Investigación Botánico de Montealegre, unha aula de natureza, un invernadoiro e un auditorio ó aire libre, construido aproveitando unha canteira da zona. Xunto a isto, as actuacións realizadas garanten o paseo polo Xardín Botánico mediante a instalación de pasarelas e a urbanización dunha rede de camiños e sendas peonís para facilitar o itinerario.

Te puede interesar