entrevista

"Ourense vai deixar de ser unha cidade anónima para ser un centro de atención"

Rafa Villarino, o favorito para a alcaldía (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Rafa Villarino, o favorito para a alcaldía (MARTIÑO PINAL).

Logo de converterse na forza máis votada na cidade, Rafael Rodríguez Villarino ten a encomenda de formar goberno

Logo de converterse na forza máis votada na cidade, Rafael Rodríguez Villarino ten a encomenda de formar goberno: "Ter a alcaldía da cidade é o natural. Somos a forza máis votada con claridade". Cre que a corporación non pode seguir co enfrontamento e en catro anos espera unha cidade diferente, "máis democrático, máis participativa, máis limpa,  máis moderna... Ourense deixará de ser anónima para ser un centro de atención. Imos poñela no mapa". 

Que será o primeiro que fará?

Estar en contacto cos traballadores do Concello e participando cada día nos servizos municipais. Vou estar na rúa comprobando que se fan as cousas. En definitiva, traballar. 

Cal será a súa liña vermella?

Eu non pasaría por priorizar unha soa obra pública por deixar de axudar á xente sen recursos. 

Que fórmula de goberno prevé?

A cuestión inmediata é o estado en que se atopan todas as rúas da cidade e os servizos. Precisamos un plan de rescate, hai que actuar de inmediato. Despois haberá que levar á práctica os acordos que xa se fixeron no seu día, como o plan de obras, bloqueado de xeito estraño; ou o plan de mobilidade...Para os grandes proxectos esperamos ter consenso porque teñen valor estratéxico, non son caprichos. 

Vai haber pactos?

Imos abrir conversas. E queremos que todos sexan flexibles para chegar a acordos. No Concello quizais non é tan preciso chegar a un extremo de cohesión como na Deputación, onde si é indispensable. 

Que deixa Jesús Vázquez? Debe quedar na oposición?

Non teño nada contra el, si estou en desacordo coa súa actuación política. Parece que non tivo autonomía nin no seu propio partido para ter iniciativas. Debe estar onde el queira, pero nin sequera lle dan autonomía para facer declaracións. 

 Teme unha parálise sen goberno sólido?

Comprométome a sacar esta cidade da situación na que se atopa. Esta cidade é unha excepción, a pluralidade existe en toda España, pero aquí non conduce á acción política. Que cousa estraña! Aspiro a que iso non suceda, coa fórmula que sexa. 

Cun goberno en minoría?

Pode ser. 

E non teme un desgoberno?

Somos un partido de diálogo. A política non é unha illa, non se fai só na cidade, tamén se fai na provincia. Temos un plan de rescate desta terra, no seu conxunto. A cidade non é allea á provincia, e a Deputación é esencial. E aí o acordo entre todos é indispensable. Ten que ser si  ou si.  Pode derivar iso en acordos na cidade? Pois si, non me parece estraño.  

Haberá un cambio de cromos? Penso nun troco con Jácome. Ti na alcaldía, eu na Deputación...

Pero como se defende iso? Cal é o argumento? A forza máis votada, cunha diferenza de miles de votos con outra, cédelle a Alcaldía para ter a Deputación? Preséntome para alcalde e vou para a Deputación? Non ten sentido. Quen plantexe iso, tentando chegar a acordos de costas á cidadanía, sabe que é imposible. O natural é que a forza máis votada constitúa goberno, e despois que chegue a acordos. 

Pero o PP foi o máis votado na Deputación... 

Si é certo que é a forza máis votada, pero é corrupta, clientelar, herdada, e someteu ao atraso a esta provincia. Todos os grupos temos a obriga de rematar co seu goberno. 

Vai haber cambio na Deputación?

Si, sen dúbida. Todo o mundo o espera. Aínda que haxa mercachifles. Baltar intentou comprar alcaldes socialistas, e esa xente quedou retratada. Non hai ningunha posibilidade ética e moral de que siga á fronte.

Un cambio na Deputación con partidos de dereitas?

Levan por bandeira a rexeneración da vida pública. Apostan nos seus programas por desparasitala e desinfectala. Non estou a favor das deputacións, é unha cousa anacrónica, pero máis alá desa posición, se se elixisen en urna, en absoluto estaría Baltar de presidente. É detestado incluso polos votantes do PP. Ten unha megalomanía e narcisismo, é algo tan irreal....Debería mirarse nos carteis que colocou e pensar, "non debería eu autocriticarme"? A Deputación é un xoguete para el, pero non podemos deixar que siga xogando con nós. 

Como queda Pachi Vázquez?

Actuou equivocadamente e desde o rancor, tentou facer dano. Cando alguén pon os seus intereses persoais por diante do partido suceden estas cousas. Os que nos presentamos con esta formación recibimos o respaldo por estar nela, non somos narcisos nin arrasamos por multitudes nas rúas. 

Te puede interesar