41 localidades, sete cidades galegas, tres países, 126 mostras, 99 salas de exposicións, 506 fotógrafos, ao redor de 6.000 imaxes, a convocatoria cultural por excelencia de Ourense, lonxe de apagarse revive con folgos

O Outono Fotográfico afronta o reto do futuro

Unha das fotos de Fernando Bayona, da expo 'D'ont look at my camera', no Museo da Imagen de Braga (Foto: José Paz)
Se o segredo da fotografía -máis alá da permanente mutación tecnolóxica, ou da fisicidade- repousa na mirada, o segredo dun evento como o Outono Fotográfico, todo un abano de imaxes, radica na sorprendente acción irrigadora propiciada dende os inicios.
Pode que o Outono sempre adolecera dun organigrama claro, dunha proxección definida cara o exterior, dunha claridade na mensaxe do que se quería contar, eran outros tempos. Mais foron esas circunstancias, a falta de información sobre o feito fotográfico -tan alonxada da sobreinformación actual, que se torna ruído-, a precariedade, a incidencia na experimentación, o amateurismo constante, partes desas virtudes que lograron que o evento aínda resista. Moito tivo que ver nelo a figura de Benito Losada, ideólogo que soubo xerar a acción pertinente, entrelazar uns fíos de tela de araña que implicaran a toda unha sociedade ao longo dun área xeográfica inimaxinable. Unha acción cultural, de barrio, de vila, de escola, de asociacións de todo tipo -moi ao estilo doutras que se viviron outrora en Cataluña- e que nel atopaban ao mediador necesario, porque máis alá do seu negociado na Casa da Xuventude, traballaba desinteresadamente nelo, en pro dunha cultura participativa.


ORIXES

'A historia do Outono -comenta Xosé Lois Vázquez- se lle ocurriu a Benito, coma sempre, como unha actividade da Casa da Xuventude, unha máis'. Xosé Lois Vázquez, Che, o actual director do certame, que retomou a iniciativa tralo falecemento, febreiro do 2011, do antigo director da Casa da Xuventude, explícase así: 'Eu tomei a decisión de continuar pola súa memoria, a repercusión externa do Outono é unha bomba, era necesario que o traballo non se perdera'. O que resulta evidente é que ao longo dos anos quen fora director da casa 35 anos soubo erixir iniciativas -Xornadas de Banda Deseñada, Outono Fotográfico, Maio Xove, Certame de Contos, Bienal de Caricatura- que lle deron un pulo á cidade, un posicionamento cultural, cuns recursos de economía doméstica.

Na orixe, 1983, non facía moito que se saíra da dictadura, o intento golpista coleaba, as accións culturais aínda tiñan certo cheiro a clandestinidade política, pois partiron dela -así o conta Xosé Lois-; se a ese contexto lle engadimos a particular idiosincrasia ourensá á hora de artellar propostas, temos as pezas do particular crebacabezas.

'Para aquela primeira edición Benito convocou a catro fotógrafos -entre eles Xosé Lois-, a partir de aí, ano tras ano coa súa mentalidade de sumar adhesións foise convertendo no intrincado festival que é hoxe'. Paralelamente, artellouse a Agrupación Fotográfica Ourensá que estivo en funcionamento uns dez anos, ao redor de 15 membros, e foi a que dotou de masa crítica necesaria o evento. 'Artellado o certame impulsouse a creación dunha asociación que merced aos seus contactos foi a que permitiu que o Outono medrara. Daquelas calquera práctica, non cultural, senón de convivencia, partía da clandestinidade; a sorte foi a conxunción de vontades distintas cunha persoa aberta e dinamizadora, que tiña capacidade de interacción, que partía da súa formación, nós non tiñamos unha formación extraordinaria, agás a do activismo cultural'. É unha obviedade que a experiencia fotográfica na época era minúscula, pero o fondo simulaba interesante. 'Facíanse talleres para os demais membros, a Casa como lugar de encontro onde se falaba do divino e do humano, as experimentacións fotográficas foron a constante; sen maiores pretensións'.

Até o pasamento de Losada o Outono medraba ano tras ano como os cogumelos tralo verán e a choiva; trenzada a tea de araña todos respostaban sen outros estímulos que apuntarse a unha actividade didáctica e participativa a rabiar. Ademáis, coa incorporación ao evento das fundacións das entidades financieiras, empresas, colaboracións con outras institucións culturais, en Ourense -moito tivo que ver a personalidade de Benito- disfrutáronse mostras -Sebastiao Salgado, Abbas, Christer Strömholm, Javier Valhonrat, Toni Catany ...- que acadaron uns cumios importantes.

O falecido director da Casa da Xuventude era consciente do camiño acadado, das limitacións e da complexidade de trenzar outro tipo de evento -dende Ourense- con maior empaque; o seu traballo quedou feito.


PRESENTE E FUTURO

Aínda en vida, o festival tivo un tempo de transición -edición 28 e 29- coa figura de Xacobe Meléndrez; 'xa con Vítor Nieves, como curador da sección oficial, sen obviar a acción didática -Outono aberto- trátase de relanzar o evento no apartado da sección oficial, na que hai unha persoa que fai a selección do traballo, invita a participar e traza as liñas a seguir', comenta Xosé Lois.

No só na imaxe, na comunicación en xeral, a incidencia da dixitalización na vida cotiá acadou un grado de penetración inimaxinable no que prolifera moito o ruido. Cecais, o labor dos mediadores, aqueles que fan unha escolma axeitada, é máis necesaria que nunca.

Te puede interesar