Pedirán nomear unha praza 'Pobre Asunción' como símbolo contra a violencia machista

O grupo municipal da marea ourensana "pretende visibilizar unha das lacras da nosa sociedade", para homenaxear a Asunción González, a primera vítima documentada en Ourense

Ourense en Común presentará no próximo pleno ordinario do mes de abril unha iniciativa coa que se pretende nomear unha praza 'Pobre Asunción', o nome co que pasou a historia Asunción González, a primeira vítima por violencia machista declarada e documentada en Ourense.

“Pretendemos visibilizar unha das lacras da nosa sociedade. Dende que comezou o ano 2017 foron asasinadas decenas de mulleres por violencia machista. A proposta de nomear unha praza a Asunción González non lles devolverá a vida pero é un símbolo que nos lembrará cada día a todas esas mulleres historicamente sometidas á violencia patriarcal”, afirma a concelleira de Ourense en Común Ledicia Piñeiro.

A proposta do grupo municipalista OUeC pretende abrir en paralelo un proceso de participación veciñal co obxectivo de recoller todas as propostas posibles de mulleres importantes da historia local. “Será un modo de saldar unha débeda histórica con moitas mulleres que en Ourense e no mundo foron invisibles a ollos dunha sociedade masculina que arrinconaba o feminino sempre á esfera do privado".

Te puede interesar