Persoeiros ourensáns apostan por converter o proxecto de Peter Eisenman nunha 'oportunidade'

Un proxecto polémico sobre o que non cabe 'volver ó pasado'

Antonio Piñeiro. (Foto: MARCOS ATRIO)
A Cidade da Cultura é un proxecto polémico dende o intre que se ideou, cando o goberno presidido por Manuel Fraga encargou o proxecto a Peter Peter Eisenman.
O 17 de xaneiro inauguráronse dous dos seis edificios proxectados. Alí estiveron algúns ourensáns. Afonso Monxardín, profesor e articulista, é un dos que coñece a Cidade de primeira man. A súa impresión é a dun 'proxecto impactante, cun valor arquitectónico que ninguén nega' pero que cando se abra o Museo gozará dun maior atractivo. 'Ninguén vai de visita a un arquivo ou biblioteca'. En relación á polémica que provoca a Cidade da Cultura, 'paréceme que calquera pensamento en pasado é estéril. Agora hai que centrarse na xestión dos espazos e en como se vai facer para rentabilizados'.

Para Antonio Piñeiro, xornalista, é un proxecto 'sen volta atrás. É o momento de dicir que os erros están todos cometidos e todos somos culpables'. Entende que non queda outro camiño que rematar os edificios e darlles contido. 'O maior erro sería deixalo a medias', e por iso procede 'facer un gran debate entre a fin de determinar como reformular as funcións. O que ata agora foi un problema -di- nalgún momento ten que converterse nunha oportunidade'.

O profesor Luis Martínez Risco é claro: 'Eu non tería feito a Cidade da Cultura ao prezo que xa acadou, pero chegados a esta altura hai que acabala o máis dignamente posible'. En relación aos contidos dos edificios, é partidario de adoptar decisións 'xa. Non se pode andar cambiando de criterio continuamente'. En canto á forma de decidilos, é partidario de 'alcanzar grandes consensos. Se eu fora o poder, e dado que busco que non se revise o proxecto continuamente, iría cara a fórmulas consensuadas para non depender do sentido do humor do gobernante'.

Antonio Blanco, ex delegado de Cultura, opina que 'estamos diante dun proxecto megalómano, e aquí temos necesidades máis apremiantes que resolver, mais salvado iso, admitamos a súa espectacularidade. Certo é que os continentes deberían estar supeditados aos contidos, e aquí fíxose ao revés'. Pero hoxe 'estamos nun punto sen retorno: hai que darlle unha saída digna, e pensar en contar con capital privado'.

Luis G. Tosar, poeta, pensa que a Xunta debe ter en conta que 'Galicia posúe unha cultura propia e o proxecto ten que estar enfocado a esa cultura. A Cidade pode ser un gran escaparate, pero dependerá de que se dea confianza aos colectivos implicados na cultura galega'.

Luis García Mañá, xefe superior da Policía de Galicia e escritor, acepta que 'estamos diante dunha obra, dende o punto de vista arquitectónico, monumental, grandiosa. Dende logo, como non hai outra cousa parecida. As súas utilidades son outro debate, pero ese aínda é cedo para enxuicialo, e eu non me atrevo a prexulgado'.

Te puede interesar