O PSOE pide parques para Pereiro de Aguiar

Sinalan que ante a elevada cantidade de nenos e visitantes fanse "insuficientes as instalacións actuais do concello"

 O PSOE do Pereiro de Aguiar solicitoulle ao goberno local que aumente o número de parques e o estado actual dos existentes, xa que “non dan servizo suficiente”. Os socialistas argumentan que a elevada cantidade de cativos que residen no municipio, “preto dun milleiro”,  ou que o visitan de cotío fai que “teñamos que seguir mellorando a rede de parques infantís, xa que cada vez son máis os nenos que queren facer uso dos mesmos e en moitos casos non poden, debido a ausencia de máis elementos de xogo”. 

Así se manifestou o voceiro do PSOE no Pereiro, Jorge Gutiérrez, que vén de rexistrar por escrito unha solicitude na que insta a unha mellora “integral”, a que se proceda a instalación de “novos e máis elementos, con deseños actuais, acordes coa contorna e necesidades e das idades” e a que se mellore a “accesibilidade” nos parques, coa instalación de elementos de xogos “adaptados” para os nenos con discapacidade ou diversidade funcional. 

Hai un ano xa que criticaron a instalación de cubertas nos parques infantís en varias urbanizacións. “Gastáronse máis de 100.000 euros nestes elementos, que non dan demasiado servizo polo seu deseño, cando o que se precisaba era que se dotase os parques de máis e mellores elementos de xogo”. 

Te puede interesar