OS AMIGOS DOS MÚSICOS

Os Amigos dos Músicos: "Queremos que as nosas cancións sexan cercanas"

osamigos
photo_camera Druso Pedrouzo, Xurxo Brea, Arcadio Nóvoa, Raúl Diz, Jaime Mateo e Daniel Alonso. (ROSA LISON)

O son anglosaxón ou os cantautores galegos. Annie Hall, O Sonoro Maxín ou O Neno Elliott. Todo elo, pasado e presente, influencias e bandas nos seus currículos, mestúrase nos cromosomas dos Amigos dos Músicos, que retornan hoxe ao directo no Café Pop Torgal cun renovado discurso. 

(Falamos con Arcadio Nóvoa, un dos fundadores da banda)
 

Como plantexades os concertos dos próximos meses?

Agardo que se convirtan nun punto de inflexión, un impulso para alcanzar o seguinte chanzo, xa sexa grabar o primeiro disco ou ter máis concertos. Cómpre reforzar a nosa identidade coma grupo á vez que nos comunicamos coa xente.


Todo elo a través de cancións que gañaron en complexidade. Existe o risco de perder inmediatez?
Os temas son distintos porque teñen máis densidade, e nalgún momento preséntanse menos directos precisamente porque existen máis desenrolos instrumentais. Pero isto non oculta a necesidade de poñerse ao servizo dunhas cancións que deben ser comprensibles en todo momento.

Máis alá das etiquetas.
Na práctica a nosa aspiración é sinxelamente facer cancións. Aínda que é certo que é moi importante a influencia da ortodoxia anglosaxona -Neil Young, The Byrds,The Band...- e de grupos da nova americana coma Wilco, ao final o noso universo enriquécese tamén con Serrat e outros clásicos hispanoamericanos, moi presentes en nós porque é a música que nos arrodea nas casas de pais ou veciños.

E as referencias galegas, non?
Por moito que nos guste Bob Dylan ou os Beatles, ao final ao compoñer cancións en galego o que está máis presente é a lingua coa que traballas. É algo material. Á marxe das experiencias vitais, que non teñen porque ser as mesmas que tiveron no seu momento Suso Vaamonde, Batallán ou Andrés do Barro, a lingua é coma un lugar común que compartimos todos. É o noso corpo.

Un vehículo.
Dende logo. O noso público está aquí, e o galego funciona coma nexo de unión entre toda a comunidade. O importante é o que se canta, e nós queremos que as nosas cancións teñan cercanía, que se entendan en calquer pobo sen importar idade ou formación musical.

En relación con iso, escoitando cancións coma ‘Todo medre' semellades anclados á terra dun xeito case que orgánico.
Gústanos esa idea de materialidade, pensar que os temas poden ser unha planta, algo que nace e medra con espontaneidade. Ao final nós buscamos traballar co natural-tradicional para rematar elaborando unha mensaxe contemporánea.

Mensaxe insertada nun contexto que, no voso caso, pasa irremediablemente por Ourense.
A verdade é que temos moita sorte. Esta cidade ofrécenos oportunidades a través de amigos que se interesan polo noso traballo. Ademais a maioría de nós somos de aquí e coñecemos a escena local. Quizais non se poida entender Os Amigos dos Músicos sen Ourense. 

Os Amigos dos Músicos tocan esta noite con Grampoder no Café Pop Torgal (21.00h, 8 euros). Máis información sobre o grupo no seu bandcamp

Te puede interesar