Ramón Villares ofreceu unha conferencia na homenaxe ó pintor ourensán

De Quessada á situación actual da cultura galega

Ramón Villares e Miguel Santalices diríxense ós asistentes á homenaxe.  (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
A fundación Xaime Quessada 'segue loitando' porque a causa pola que pelexan 'meréceo'. As palabras do presidente da asociación, Miguel Santalices, serviron para abrir o cuarto acto consecutivo de homenaxe ó pintor ourensán, que nesta ocasión contou coa presencia do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. O historiador achegouse ata o Liceo da cidade para falar sobre 'A cultura galega: situación actual e retos de futuro'.
O tema era amplo e Villares estructurouno en tres apartados. En primeiro lugar, referiuse ó eido histórico salientando a idea de que 'toda nación cultural aspira a ser nación política e toda nación política debe ter unha nación cultural que a respalde'. Deste xeito, Ramón Villares chegou ó segundo punto da súa conferencia ó puntualizar que a cultura foi un 'factor decisivo na formación da autonomía galega'. Aínda que tamén animou a 'ser críticos respecto do que temos'. Ás fundacións referiuse o presidente do Consello da Cultura para definilas como un 'xeito de institucionalizar' a actividade cultural. Da súa man, o proceso partiu dunha 'concepción etnográfica' para chegar a un estatus máis 'moderno', que lle permitiu ademais á cultura 'profesionalizarse'.

Para escoitar a Ramón Villares, un dos salóns do Liceo encheuse de caras coñecidas da sociedade ourensá, presididos na primeira fila por autoridades municipais e provinciais, ademais doutras coma o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o presidente da Deputación, José Luis Baltar.

Ó principio do acto, Miguel Santalices pronunciou un 'recordo especial' para o recentemente finado Xosé Antonio Fidalgo Santamariña. De cara ó futuro, o presidente da fundación Quessada anunciou para Santiago unha exposición antolóxica conxunta en xaneiro do pintor e o seu fillo, así como a intención de publicar un libro que recolla as conferencias destas homenaxes anuais.

Te puede interesar