Recuperación do patrimonio por “amor á terra”

A andaina polo sexto aniversario da primeira ruta do colectivo tivo unha gran afluencia.
photo_camera A andaina polo sexto aniversario da primeira ruta do colectivo tivo unha gran afluencia.

O colectivo “Móvete por Nogueira” naceu hai seis anos “coa intención de recuperar, catalogar e divulgar todo o patrimonio perdido do concello de Nogueira de Ramuín. Sen ningún tipo de financiación máis alá da cuota que aportan os menos de 50 socios, este grupo de veciños do municipio realizan unha labor de coidado e mantemento do patrimonio, ademais da revalorización da contorna, creando rutas de sendeirimo ou coa instalación dunha das máis recentes iconas da Ribeira Sacra: o bambán do solpor. A asociación traballa arreo para presentar próximamente o seu cuarto itinerario, desta volta pola zona do Miño, aínda que tamén organiza, o 19 de xuño, unha andainda pola ruta do Nove.

“Todo isto facémolo por amor á terra”, recoñece unha das directivas do colectivo, Chelo Durán. “Se esta iniciativa está viva a día de hoxe é en boa parte por Esperanza Fernández, Antonio Campos e Vicente Balboa, que son os encargados de facer o mantemento das rutas e de que todo estea en condicións ópitmas”, indica Durán, que aplaude o empeño co que estes tres veciños se dedican a preservar esa parte do seu patrimonio natural.

Na actualidade, tamén están desenvolvendo traballos de recuperación na albariza do Dionisio, de titularidade privada, pero que, tras falar co dono, iniciaron xa a súa limpeza. Desta volta teñen unha axuda extra, xa que “para proxectos puntuais logramos mobilizar a un grupo algo máis nutrido”. Esta construción tradicional está moi relacionada coa apicultura, e Durán explica que “é unha das máis grandes de Ourense, e pode que de Galicia”. Ata a súa chegada, esta albariza levaba nun estado de abandono total durante máis de tres décadas. Ademais, este será un dos puntos polo que pasará a andaina do mes que ben.

Ademais de ser un colectivo ampliamente recoñecido polos veciños, a relación co Concello de Nogueira é “moi moi boa”. “Non nos poñen ningunha traba, é certo que ao principio tivemos algún problema, pero agora son os primeiros que nos abren camiño”, manifesta Durán. Con todo, recorda que “sempre se pode facer máis, porque este concello ten un potencial moi grande, e botamos en falta un derradeiro empuxe para que isto remate de despegar de verdade”.

Deste xeito, “Móvete por Nogueira” recupera ese “patrimonio que, aínda que non sexa senlleiro e único, si conta a historia do noso municipio que recordan os nosos maiores -que moitas veces son os que indican onde buscar patrimonio a recuperar- e temos a responsabilidade de coidalo e preservalo”.

Te puede interesar