Os lectores recibirán mañá co xornal a biobibliografía do homenaxeado no Dïa das Letras Galegas

La Región regala un libro coa vida e obra de Lois Pereiro

Reprodución do exemplar que se entregará mañá ós lectores coa compra do xornal. (Foto: JOSÉ PAZ)
La Región conmemorará mañá o Día das Letras Galegas agasallando a todos os seus lectores cun libro sobre a vida e obra de Lois Pereiro, o autor homenaxeado este ano. A biobibliografía de referencia sobre o poeta monfortino entregarase de xeito totalmente gratuito coa compra do xornal, e no caso dos suscriptores recibirano no seu domicilio.
O libro escrito por Manuel Amado achéganos á literatura de Pereiro dende unha ollada intimista, para repasar ó longo de 80 páxinas os capítulos máis salientables da súa vida. Un percorrido vital intimamente vencellado á súa esgazante produción poética, que non se podería descrifrar sen certas pistas biográficas.

O resumo sobre a vida e obra de Lois Pereiro permítenos afondar no pensamento do monfortino a partir da reprodución de varios dos seus versos, así coma das súas reflexións poético-existenciais verquidas en diferentes revistas especializadas (principalmente 'Luzes de Galiza', 'Loia' e 'Dorna'), entrevistas xornalísticas, correspondencia e apuntamentos persoais.

En definitiva, trátase dunha obra de cabeceira que nos transporta ó universo poético dun autor inxustamente marxinado pola crítica literaria da súa xeración, mais que con este clarificador libro e coa homenaxe no Día das Letras Galegas recuperará o lugar privilexiado que lle corresponde na historia da literatura galega.

Ó compromiso de La Región coa cultura e literatura do país súmase a Deputación de Ourense e mais o Concello, que co seu patrocinio fixeron posible a edición desta obra de referencia.

Te puede interesar