Presidente do PP de Ourense ata o 30 de xaneiro

‘Se Santiago tenta influir ou dirixir o proceso de relevo eu denunciareino públicamente’

José Luis Baltar Pumar abandona a presidencia do PP na provincia tras máis de 18 anos de control férreo do partido. Onte abriu o camiño á sucesión, a un proceso de relevo no que espera que a dirección de Santiago non interveña; ó fin e ó cabo, o voto é secreto e os compromisarios opinarán o que queiran. Trala multitudinaria comparecencia pública, respostou así a estas preguntas, camiño da Deputación.
O misterio xa non é tal. José Luis Baltar non optará á presidencia do PP de Ourense o vindeiro 30 de xaneiro; díxoo nunha masiva comparecencia pública e, un pouco antes, ós alcaldes mais próximos. Ante os medios de comunicación ofreceu todo tipo de explicacións, emocionouse, riu, abrazou, enxugou as bágoas co seu pano de fío impecable. Ó remate, voltou cara o seu despacho relaxado e insistindo en que, nestes momentos, a familia e a idade pesan por riba de calquera outro factor.

Realmente, vostede quería abandoar a presidencia do PP de Ourense?


Si. Eu creo que un non debe perpetuarse nos cargos e tíñao claro, o que non sabía era cando. Pero agora é o momento porque, se non, esta situación íase dar dentro de dous ou tres anos; e a miña familia quere estar comigo, despois de tanto tempo. Para min, persoalmente, é a mellor decisión que podía tomar; que o partido o sinte, acéptoo pero non podemos estar en función dunha cousa, tamén temos que pensar que ó final mátaste a traballar e dar o callo e o día de mañá acabouse.

Entón, vostede non se vai para que José Manuel Baltar Blanco teña a posibilidade de acceder á presidencia?

Non, porque se fose así, faríao antes. Chegou o momento. Que el dixo que quería participar neste proxecto de partido? Eu respétoo aínda que cando me preguntou a miña opinión, dinlle outro consello pola experiencia que eu teño, e téñoas boas pero este cargo é tamén un grande sacrificio; hai que estar ó servicio da xente porque, se queres que te apoien e estén contigo, non che queda máis remedio que estar con eles. O que añora a xente é que comigo se pode falar e discrepar porque eu non son rencoroso. O meu fillo terá igual dereito que os demais a optar á presidencia do PP, eu non lle direi que non. Dende logo, cando decidiu entrar en política díxenlle: esto é duro, non paga a pena, son máis os disgustos que as alegrías, pero insistiu.

Dixo vostede que Feijoo respetou a súa decisión; pero pediulle que seguira ó frente do PP?

Si. El xa me comunicara que o mellor para o partido neste momento era que eu continuase e foramos falando do meu retiro cando fose oportuno. Pero tamén teño que precisar que me dixo que a decisión tiña moito de persoal porque se el estivese no meu caso e se quixese ir, tamén lle gustaría que non o presionasen ata o punto de forzalo a seguir. Sei, porque mo dixo, que lle gustaría máis que seguise, pero non interviu na miña decisión.

Cre que a dirección de Santiago intervirá agora para dirixir algunha candidatura que sustitúa á que vostede xa non presentará?

Non, non pode intervir. Este ten que ser un congreso democrático onde ahi uns señores que para ser compromisarios se van presentar a unha elección entre os militantes e serán os depositarios dos votos. E como ese sufraxio é secreto, podemos votar o que queiramos.

Vostede que preferiría, que houbese agora unha candidatura ou varias á presidencia do partido?

Para tranquilidade do congre so, que haxa unha soa, naturalmente. Agora, máis democrático, entre comillas, sería que fose máis dunha. Se só hai unha opción que votar, non ten mérito; pero se poden elixir, eso é xa outra cuestión, o que gañe sae máis reforzado, non sae porque non había outro. Que haxa dúas, ata tres candidaturas, é bó.

Que opinión lle merecen as declaracións do delegado territorial, Rogelio Martínez, que augurou varias alternativas á do seu fillo e o luns pediulle que seguise vostede na presidencia?

Eso é a teoría da evolución de Darwin, que vai variando en función do que se vai palpando e do que se se ve dentro do partido. Ao mellor parecíalle fácil atopar outras candidaturas pero cecais non é tan sinxelo, aínda que o prazo está aberto e calquera pode optar se consegue os avais.

Eu insisto, é posible que a dirección do partido en Santiago queira dirixir ou influir no proceso de relevo en Ourense, incluso a través de Martínez?

Eu non teño constancia de que sexa así. E supoño que non se fará eso porque se é así, denunciareino públicamente, igual que estou a dicir que eu non vou intervir. Claro que eu teño que facer unha salvedade distinta á de eles, eu non interveño pero fágoo; non podo evi talo e non podo saír á rúa e dicir: ‘Non voten a Baltar’, meu fillo. Eu non intervirei no aspecto de non facilitar nada que non sexa o estrictamente democrático pero se me preguntan a quen apoiarían, a mín xa non me fai falla respostar para que saiban o que penso; eu teño esa ventaxa sobre eles. Insisto, serei neutral pero os meus vínculos familiares non se poden romper. E despois, non ten por que haber fractura nin escisión, se hai varias candidaturas os que perdan ou perdamos, poñeranse ou poñerémonos á disposición do que gañe. Xa pasou no congreso do PPdeG, con catro candidaturas que finalmente quedaron nunha e non houbo problema algún.

Este é o inicio do camiño cara a súa desaparición da política?


Sigo de presidente do PP ata o 30 de xaneiro e dende agora póñome a disposición do partido para que a formación decida que pasa coa Deputación. Será como diga o partido, podo irme agora ou ó final do mandato; pero creo que nas vindeiras eleccións municipais non debería estar, salvo que por algunha razón mo pida o partido.

Te puede interesar