entrevista

Seara: "Valórase o sentido común e a coherencia, e faltaron estes anos"

Luis Seara, líder do BNG (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Luis Seara, líder do BNG (MARTIÑO PINAL).

Difícil borrar o sorriso do rostro de Luis Seara, que durante a entrevista foi asaltado por varios veciños para felicitarlle polo resultado do domingo, que certificaron a volta do BNG ó Concello.

O nacionalista garante capacidade de diálogo con todo o mundo para desbloquear os principais retos. Ser parte do goberno? Non se molla polo momento.

Contento, supoño.

A valoración ten que ser positiva, porque non estabamos no Concello, algo que sempre é un hándicap, pese a facer un importante traballo social. A xente valorou que unha forza como o BNG, de rigor, solvencia, volvese ó Concello. É a coherencia e o sentido común, o que a xente botou de menos estes catro anos.

Cinco partidos, sen maiorías claras. Non parece unha tarefa fácil.

Hai un mandato claro, que nas cuestións de verdadeira relevancia para o Concello hai que porse dacordo, a xente necesita forzas que teñan capacidade para sentarse e dialogar, xa veremos se somos capaces de chegar a eses acordos, pero cando menos que haxa esa predisposición, eso non existiu estes anos.

Xa falou con Villarino?

Chamoume Rafa para darme os parabéns, pero o PSOE, que é a forza máis votada, terá que tomar a iniciativa.

O natural parece que os dous votos do BNG sexan para o PSOE.

Os nosos votos van para Ourense, sempre dicimos que queremos ser útiles e o seremos en calquera das posicións na que quedemos, porque non é necesario formar parte do goberno para ser útil.

Onde se é máis útil?

Hai gobernos que son inútiles, como o de agora, e oposicións moi útiles.

Pero gustaríalle estar no goberno?

Non é cuestión de gustos, é unha decisión que terá que analizar a organización.

Con Ciudadanos vese no mesmo bloque?

Para a gobernabilidade do Concello a liña vermella é de que a dereita non goberne. Dito iso, para salvar as grandes cuestións é necesario chegar a acordos co resto das forzas políticas e tamén coa sociedade. Hai cuestións de cidade, máis alá de cor política.

E o factor DO?

No pasado, o PSOE sentouse na mesma mesa e houbo unha especie de entente que non fraguou. Se me guío por iso, non deberían ter problemas, pero polo que din outras persoas do partido, non hai posibilidades.

Jesús Vázquez falaba de garantir a gobernabilidade, sen descartar acordos co PSOE. Entendería esa alianza?

É decisión do PSOE escoller ós seus compañeiros de viaxe.

O que suceda coa Deputación pode condicionar as conversas na cidade?

É outra das grandísimas noticias, que o PP tras 30 anos perde a maioría absoluta, é unha necesidade, como beber. Na previa hai organizacións que dicían que había que acabar co caciquismo e o clientelismo, iso témolo claro e imos contribur a iso. Non me gustaría que se mesturasen as cousas, porque ó final o da Deputación non pode estar condicionado a outros pactos, pero en política pode pasar de todo. Desagradaríame que houbese un cambio de cromos e que o PP continuase co poder.

A fórmula pasa por un acordo a catro.

Non sei como será, o que si digo é que o baltarismo pase a mellor vida política é unha absoluta necesidade. 

Te puede interesar