As probas de acceso á universidade comezaron onte na súa convocatoria de setembro. Nelas participan 318 alumnos, algúns que non se tiñan enfrontado ós exames e outros que o fan estes días por primeira vez.

Unha segunda oportunidade

Na imaxe os estudantes enfróntanse ó primeiro exame, o de Lingua Castelá e Literatura. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Os tres días de maior tensión na carreira académica dunha persoa, eses que marcan cara onde comeza a encamiñar un estudante o seu futuro, volveron comezar onte.
A convocatoria de setembro dos exames da selectividade deu inicio ás 10 da mañá coa proba de Lingua Castelá e Literatura, que se centrou na literatura modernista e o teatro de posguerra. Tras un descanso no que os examinantes compartiron as primeiras impresións mentres desaparecían os nervios iniciais, voltaron ás súas cadeiras para enfrontarse ben á Historia de España ou á Filosofía, segundo escolleran. Os idiomas foron de novo os protagonistas durante a tarde, cos exames de Galego e Lingua Estranxeira. Concluiron deste xeito as probas relativas ás asignaturas comúns para tódolos Bacharelatos, mentres que as xornadas de hoxe e mañá quedan reservadas para as específicas de cada rama.

Na provincia de Ourense estaban matriculadas un total de 318 persoas para examinarse das probas de acceso á universidade. Delas, 48 pertencían á Comisión 18, que se desenvolve no IES Cosme López da Rúa. O resto, demostran estes días os seus coñecementos no edificio Xurídico-Empresarial do Campus de Ourense.

Algúns dos que se examinan non conseguiron superar as probas no mes de xuño. Outros, non chegaron a presentarse por ter deixado algunha asignatura colgada no Bacharelato que os obrigou a estudar no verán por partida dobre. Unha minoría, chegaba coa esperanza de subir a súa nota media para entrar na carreira desexada, aínda que ben é certo que moitas titulacións en Galicia colgaron xa o cartel de completo, máis de 80 no sistema universitario.

As probas de Selectividade da convocatoria de setembro conclúen mañá por volta das 15 horas. Nese momento, desaparecerán dos estudantes os nervos propios dos exames, pero manterase un ruxe ruxe que durará ata o día 23, cando saian as notas provisionais.

Te puede interesar