Só un de cada tres rapaces fala máis galego ca castelán

Cada vez menos mozos optan por falar galego.
photo_camera Cada vez menos mozos optan por falar galego.
Con todo, Ourense segue a ser a segunda provincia máis galegofalante, só por detrás de Lugo

A promoción do uso do galego entre a mocidade é unha das principais cuestións das políticas lingüísticas dos últimos anos, malia parece que non son efectivas entre a rapazada e a mocidade de Ourense, xa que, segundo os datos recollidos pola Enquisa Estrutural a Fogares que realiza o Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2018, apenas o 29% dos ourensáns de entre 5 e 30 anos fala máis galego ca castelán, cando a principios deste século, en 2003, esta porcentaxe ascendía ata o 55%.

Analizando a tendencia entre os grupos de idade, obsérvase claramente a diminución continuada no grupo de poboación máis nova -entre os 5 e os 14 anos-. No 2003, máis da metade (57%) desta franxa de idade escollía o galego perante do castelán. Cinco anos despois esta cifra descendía case dez puntos ata situarse xa por debaixo da metade (48%). Outros cinco anos despois, xa só o 35% da rapazada entre os 5 e os 14 anos falaba ou sempre galego ou máis galego ca castelán. E en 2018, os últimos datos publicados, xa son menos de un de cada tres (un 29%) os que prefiren a lingua de Rosalía antes que a de Cervantes.

Pero o galego non só retrocede entre a mocidade. Nos 20 anos que abrangue este informe, no grupo de poboación que vai dende os 30 aos 49 anos, a caída é de 20 puntos porcentuais, pasando de case o 70% a inicios do milenio a só o 48% en 2018. Aínda que maior é o baixón rexistrado na seguinte franxa de idade, de entre os 50 e os 64 anos, que pasa dun moi importante 85% a un 65%.

En resumo, a principios de século, no ano 2003, o 75% dos ourensáns falaban sempre en galego ou máis galego que castelán, unha cifra que diminuíu  ata o 61% dos habitantes.  Por provincias, ademais de Ourense, onde caeu máis de 14 puntos porcentuais, o maior descenso produciuse en Pontevedra. Alí, o uso maioritario do galego pasou do 53,5% ao 42%. En Lugo e A Coruña, as caídas son menos pronunciadas. Na provincia luguesa, a máis galegofalante de Galicia, os que falaban sempre ou maioritariamente na lingua do país pasou do 76% ao 69%, mentres que na Coruña o descenso foi de tan só 5,5 puntos, quedando no 52,5%. Así, só Pontevedra ten máis castelanfalantes que galegofalantes habituais.

O galego na cidade

Este broucazo do uso do galego na provincia ten á cidade como razón principal, onde en dez anos o galego pasou de ser a lingua habitual da metade da poboación, sendo case maioritaria, a ser empregada por diante do castelán só por un de cada tres. A caída no uso do galego na cidade das Burgas é pronunciada, pero, malia iso, é a terceira urbe galega onde máis se emprega o idioma autóctono. Hai dez anos, logo de Santiago (onde o 52% falaba sempre ou maioritariamente en galego), Ourense, cun 47% de galegofalantes habituais, era a segunda urbe máis proclive a usar a lingua (Lugo tamén tiña un 47%). Hoxe, na capital galega, o 44% segue sendo maioritariamente galegofalante, pero é a cidade das murallas a que mellor mantén o uso, escalando á primeira posición, cun 44,5% que empregan a lingua galega. No caso de Ourense, a caída é brusca, ao derrubarse o uso ata o 33,8%. 

Malia a este descenso, a das Burgas segue a ser unha cidade fortemente ligada á súa lingua, en comparanza con outras da súa contorna.

Vigo, á cola do galego

O exemplo está en Vigo, que é a cidade con menor uso do galego a diario, xa que só o 14,1% dos seus habitantes o usa. Despois, sitúanse Ferrol (16%), A Coruña (20%) e Pontevedra (23%) no ránquin de utilización da lingua propia. 

O galego segue a ser amplamente minoritario, manténdose sen cambios nestes anos. Desde o inicio de século ata agora o uso habitual na escrita creceu do 14% a pouco máis do 15%. Ademais, ao igual que sucede coa fala, é a mocidade a que presenta uns datos máis preocupantes, xa que son os próximos que teñen que velar pola saúde da lingua propia. Se no 2003 un de cada tres rapaces de entre 5 e 14 anos escribía preferentemente en galego, en 2018 xa só o fan o 12%. Ben é certo que nos demais grupos de idade a porcentaxe subiu de forma moi lixeira.

Te puede interesar