Os programas que desenrola a Consellería de Traballo adican un orzamento de 5,5 millóns a Ourense

Un total de 261 desempregados ourensáns participarán en 10 obradoiros de emprego

O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, presentou os obradoiros de emprego. (Foto: Miguel Ángel)
A Consellería de Traballo aprobou 10 obradoiros de emprego para a provincia de Ourense, nos que participarán 261 desempregados durante 12 meses. O orzamento para estas iniciativas acada os 5,5 millóns de euros entre 2009 e 2010.
Un total de 261 persoas en situación de desemprego, pertencentes a 10 concellos da provincia de Ourense, serán beneficiarios dos programas de formación e emprego que a Consellería de Traballo levará a cabo entre os anos 2009 e 2010. Os programas contan cun orzamento de 5,5 millóns de euros, que se distribuirán entre os dous exercicios.

Os obradoiros de emprego van destinados a persoas maiores de 25 anos e que se atopen en desemprego, e que combinan a formación co traballo. Teñen como finalidade a formación e capacitación laboral dos participantes, que se prepararán durante un periodo de 12 meses, co obxectivo de que finalmente poidan acadar a súa inserción no mercado laboral.

Localizacións

Os obradoiros previstos para a provincia de Ourense levaranse a cabo nos concellos de Bal tar, Porqueira, Melón, Verín, Arnoia, Cea, Bande, Castrelo de Miño, Leiro e Xinzo de Limia. Cada un dos obradoiros terá entre 25 e 29 alumnos, que recibirán cualificación práctica en áreas como albanelería, canteiría, restauración e xardinería, principalmente, aínda que tamén de axuda no fogar.

Os obradoiros de emprego foron presentados onte polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas.


Te puede interesar