XORNADAS NO CHUO

A toxina botulínica, un remedio para a incontinencia urinaria

la region 3_result
photo_camera Xornada teórico-práctica de uroloxía, este mércores no CHUO.

O CHUO acolleu unha xornada teórico práctica para o tratamento desta enfermidade

O Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense celebrou hoxe unha xornada teórico práctico sobre o tratamento da patoloxía da incontinencia urinaria con especialistas  en uroloxía de varios hospitais de Galicia. Esta xornada organizada polo Servizo de Uroloxía e polo responsable da Unidade de Uroloxía Funcional e Urodinámica, Dr. Carlos Müller Arteaga, ten como obxectivo o de actualizar coñecementos e a posta en común da técnica da aplicación da toxina botulínica no tratamento dos pacientes aos que afecta esta disfunción.

A incontinencia urinaria, catalogada como enfermidade desde fai máis de 20 anos, defínese como calquera perda involuntaria de ouriños e pode afectar tanto a homes como a mulleres e ten como síntoma un súbito desexo de mexar que non é posible pospoñer e que está relacionada coa vexiga hiperactiva. A incontinencia urinaria é un dos motivos máis frecuentes da consultas dos urólogos e moitos dos pacientes sófrena en silencio e, na maioría dos casos, non consultan por vergoña ou porque a consideran que é unha condición natural atribuíble á idade.

Pódese dividir en dous tipos: a incontinencia de esforzo e a incontinencia de urxencia. A primeira refírese a perda de ouriños relacionada coa tose, esbirro ou calquera tipo de esforzo, mentres que a incontinencia de urxencia non está relacionada con ningún tipo de esforzo.

O tratamento desta urxencia urinaria basease nun primeiro momento na adopción de medidas xerais como o consumo axeitado de líquidos, evitar irritantes vesicais, diminuir de peso ou evitar estrinximento, e se non dan un bo resultado optaríase por un tratamento farmacolóxico.

Tratamento con Toxina Botulínica

Cando estes tratamentos anteriores non son eficaces, ou ben existen efectos adversos, pódese optar pola aplicación de Botox no músculo detrusor como segunda liña de tratamento. O Botox, ou Toxina Botulínica, actúa paralizando parcialmente o músculo vesical e desta forma controla os síntomas do paciente. O tratamento adminístrase a través dunha inxección na vexiga, para paralizar temporalmente o músculo detrusor, ou ben no esfinter para facilitar a saída da orina.

A administración da toxina botulínica realízase no quirófano de forma ambulatoria, tras unha leve sedación do paciente, e conséguense resultados moi satisfactorios xa que se controlan os síntomas da incontinencia mellorando a calidade de vida dos pacientes na maioría dos casos. Esta técnica innovadora, que comezou a aplicarse no CHUO o pasado ano, ten un efecto de nove meses ata que os síntomas volven a aparecer e posibilita unha nova aplicación sen complicacións.

Te puede interesar