O clown alemán Wollny pechou a programación dos cinco primeiros días do certame teatral

O transcorrer da Miteu reafirma o éxito da mostra

Un tercio da Miteu xa vai fóra. Lonxe de ser un alivio para os seus organizadores, o balance que destes últimos cinco días fan é altamente positivo. En total, 900 espectadores encheron o Auditorio Municipal para asistir á actuación do humorista Leo Bassi. 'Catárquica' foi a presencia do italiano en Ourense, asegura o director da Miteu, Fernando Dacosta, cun espectáculo 'divertido, crítico e cun punto de emoción'.
Este primeiro tercio de duración dos 15 días previstos para a Mostra Internacional de Teatro Universitario pechouse con outro 'clown', ou paiaso. O alemán Gregor Wollny, protagonista da obra Wollny semellouse a Leo Bassi en que os dous, sós, foron introducción, nó e desenlace da súa propia obra teatral. Pero, en realidade, nada tiveron que ver 'Utopía' e 'Wollny'. Críticas por unha banda contra silencio pola outra.


TEATRO E DANZA

O actor alemán, que onte estivo no Teatro Principal, practicamente prescindiu dunhas palabras que moitas veces falan bastante menos que a linguaxe dos xestos e as expresións. Wollny emprega un idioma universal nas súas actuacións que, a pesar da súa procedencia xermana, permitiu a tódolos ourensáns percibir animais e obxectos cotiáns no que aparentemente era só madeira. Dende Berlín chegou un actor que vive a súa profesión dende a máxima de que 'as palabras son de prata, pero o silencio é de ouro'.

A visita de Wollny non fixo máis que remarcar o carácter internacional da Miteu. Son moitos os grupos de fóra de Galicia que se achegan estes días a Ourense. Uns descobren a outros, e estes outros acoden ós espectáculos para apoiarse e comentar a profesión. O tempo que o teatro lles deixa libre, precisa Fernando Dacosta, aprovéitano para pasear pola cidade. 'O casco vello, as termas e o licor café' chámanlle moito a atención, di o organizador. Pero tampouco deixan pasar un prato de pulpo, que a cáseque todos lle encanta.

Te puede interesar