Adán constata que o 'núcleo' desta problemática está na 'diferente valoración do masculino e o feminino'

Vicepresidencia reitera que é 'fundamental' abrir un xulgado específico de Ourense para combater a violencia machista

Carme Adán.
Vicepresidencia da Xunta insistiu hoxe en que 'é fundamental' a creación dun xulgado de violencia de xénero en Ourense para combater a violencia machista, posto que iso permitirá dar unha resposta 'máis áxil e rápida' a esta problemática na Comunidade galega, que actualmente conta con dúas salas específicas en Vigo e A Coruña e están previstas a apertura doutras dúas en Santiago e Pontevedra o próximo ano.
Na inauguración das 'Xornadas galegas sobre violencia de xénero', o secretario xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez-Lema, recordou que os dous xulgados operativos en Galicia dan cobertura a 800.000 persoas dos dous millóns que hai na comunidade, polo que recalcou que, 'como xa se dixo, é fundamental' esta dotación.

Recordou os avances a nivel de 'protección e prevención' que se puxeron en marcha a raíz da aprobación da Lei de Violencia de Xénero de Galicia, ratificada por unanimidade no Parlamento en 2007, mencionou que de Galicia só depende o persoal de apoio no campo xudicial e considerou que 'os medios son manifestamente mellorables' neste campo, en que a comunidade non ten competencias.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, destacou a afluencia de persoas ás xornadas posto que, ao seu xuízo, demostra unha 'preocupación' por este asunto, xusto en vésperas de que se celebre o Día Internacional contra a violencia machista.

Adán tamén incidiu no 'fito' que supuxo a lei galega para precisar que esta normativa constitúe un 'eixe fundamental' para a 'formación', da cal xorden as xornadas que entre hoxe e mañá se celebran en Santiago de Compostela, e que reúnen os diferentes axentes sociais que traballan neste ámbito.

CONTIDO XORNADAS
Neste sentido, a secretaria xeral destacou que durante o congreso se abordará a guía sanitaria que elabora o Goberno galego para a 'detección' de malos tratos nas mulleres e a derivación destas aos servizos correspondentes.

Así mesmo, puxo de manifesto que esta actividade servirá para 'reflexionar' no futuro e en como desenvolver os mecanismos para que a igualdade real 'vaia calando' na sociedade, posto que, proclamou, 'o núcleo do problema está na diferente valoración do masculino e o feminino'.

Por iso, a dirixente autonómica resaltou a necesidade de que se 'visibilice' esta problemática, posto que xoga un 'papel determinante' para loitar contra esta lacra que está 'na raíz da sociedade'.

As xornadas acollerán durante esta tarde unha mesa redonda sobre o tratamento da violencia de xénero no ámbito sanitario e a representación teatral de 'Testosterona' a cargo da compañía Chévere. Xa mañá, a experta en estudios económicos e sociais Elisabeth Villagómez ofrecerá unha conferencia, tras o que se debaterá, en mesa redonda, o acollemento de mulleres en situación de violencia de xénero e os modelos de intervención integral.

Te puede interesar