Crónicas de agora e sempre

Camilo de Cela, o benfeitor total

Modesto Fernández foi presidente da sociedade do “Fomento de las Artes”.
photo_camera Modesto Fernández foi presidente da sociedade do “Fomento de las Artes”.
En realidade o seu nome era Modesto Fernández González e malia que tivo a oportunidade de ser ministro, nunca quixo tal cargo porque a súa vocación e o seu “lei motiv” foi o de ser embaixador de todo canto tiña acento galego, en Madrid

En tempos nos que as contas familiares son miradas con lupa porque as macrocontas estatais e europeas andan ó pairo dunha incontrolable treboada económica que non sabemos onde vai ir dar, ven acaída a figura de Modesto Fernández González, un ourensán da torgueira do Mesón do Reino (Piñor) que foi funcionario dos ministerios de Hacienda e Ultramar e dende alí converteuse no privilexado “sereno” que lle abría as portas da vila e corte a todas aquelas persoas ou iniciativas que pretendían facer carreira en Madrid.

Camilo de Cela, Fernangonzalez, Luis de Haro ou Tirso de Abres son algúns dos pseudónimos que ó longo da vida utilizou este tío-avó de Camilo José Cela, co fin de divulgar dende diversas perspectivas o seu pensamento en multitude de xornais e con iso tratar de axudar a mellorar a vida económica colectiva da sociedade na que lle tocou vivir.

Un ourensán singular entre os singulares, que naceu na capital o 15 de decembro de 1838 e que se licenciou en Dereito en Santiago e logo Xurisprudencia y Administración, xa en Madrid, onde residiu ata o 18 de decembro de 1897 cando, case de forma repentina, faleceu, deixando por tras un longuísimo ronsel de beneficiarios do seu labor de anfitrión, valedor, promotor, protector e dinamizador de todo galego que desexaba forxar un futuro en Madrid, dende o destacado púlpito de alto funcionario do ministerio de Hacienda no que entrou a traballar nada máis rematar a carreira.

Dende esa atalaia privilexiada, que lle forneceu infinidade de influíntes contactos e dende o non menos destacado paraninfo dos principais medios de comunicación do momento nos que escribiu, con eses e outros heterónimos, que lle proporcionaron un envexable grao de coñecemento na sociedade madrileña, (poñamos por caso “El Español”, “La Gaceta Popular”, “La ilustración Española y Americana”, “La época” e, no ámbito da comunidade galega, o “Heraldo Gallego”, “Ilustración Gallega y Asturiana” ou “La Tierra Gallega”), Modesto Fernández chegou a ser o redactor dos orzamentos xerais do Estado en tres ocasións. Sen embargo, nunca alimentou unha vocación política suficiente -alén dunha fallida candidatura a deputado a Cortes- como para ambicionar cargos institucionais e mesmo rexeitou a carteira do Ministerio de Hacienda.

A Camilo de Cela abondoulle con ter ascendido á delegación da Hacienda madrileña para, como “hombre de ciencia, temperamento de artista y corazón de poeta capaz de despachar un expediente como si escribiera una obra literaria” -di Alberto Vilanova-, levar a cabo tódolos proxectos que considerou, sempre cos alicerces dun librepensador e dende o posto de promotor e divulgador de todo canto tivera que ver con Galicia.

Non houbo persoeiro que dende a nosa terra petara no seu despacho da rúa Carretas, que non contara cun consello, un contacto ou mesmo un posto de traballo que lles axudase a forxar un futuro alí.

Neste sentido, son significativas as palabras que lle tributou Curros “como testimonio público de gratitud por el generoso afecto y la decidida protección que me ha venido dispensando, desde que en muy temprana edad, niño aún, llegué a Madrid, prófugo de la casa paterna, indigente y desolado, hallando en él el amor de un hermano, el consejo de un padre y la tolerancia sin límites de un maestro”.

Como non menos significativo foi que, mentres en Ourense (1892) as elites locais pedían unha rúa para el, el estaba xestionando dúas para outros tantos galegos en Madrid, ou que “un gallego recientemente fallecido (1897) ha dejado una manda testamentaria a favor de Camilo de Cela por sus trabajos descriptivos de Galicia y por sus defensas del pueblo gallego”.

Ora ben, se algunha debilidade tiña o ourensán, esta era a figura do gaiteiro, a quen, na súa versión xenérica inmortalizou en diversos artigos e na súa dimensión persoal foi quen de promover a algúns coma ó de Ventosela e ó seu compañeiro “O Carballino”, poñéndolles á disposición do seu saber musical o Teatro da Zarzuela.

Lamas Carvajal, inumerables xornalistas, literatos e artistas ou profesionais e políticos que logo acadarían nomes importantes na sociedade da capital, ata a todopoderosa Condesa de Pardo Bazán o convidou a pasar unhas vacacións en Meirás como agradecemento ós favores recibidos por Modesto en Madrid, todos foron “tocados” polo dedo máxico de Fernández.

E como, sen a arte do comer Galicia non é Galicia, incluso afondou nos seus segredos culinarios, chegando a ser titulado polo sector profesional e crítico da época, “Cociñeiro maior de Galicia”.

Te puede interesar
Más en Sociedad