Crónicas de agora e sempre

O derradeiro defensor do Couto Mixto

Delfín Modesto Brandón foi un ourensán nacido en Turei que tivo o privilexio de gobernar o Couto Mixto. Non foi o seu derradeiro xuíz, pero si o derradeiro que tratou de conservar a súa independencia perante España e Portugal ata 1864

AAsociación de Amigos do Couto Mixto sumou tres novos nomes á longa lista de xuíces honorarios por se teren significado na promoción dun territorio que ten quedado instalado como unha romántica anomalía histórica. O evento tróuxome á memoria á non menos romántica figura de Delfín Modesto Brandón, o penúltimo xuíz dese territorio, un singular personaxe que deixou escrita unha curiosa “historieta”, gracias á cal o que hoxe podería ser a Andorra galega polo menos forma parte intrínseca da nosa memoria colectiva.

A primeira peculiaridade que envolve a figura decimonónica de Delfín Modesto Brandón, é que sendo español e chegando a exercer como funcionario da administración española ata en Puerto Rico, naceu na aldea portuguesa de Turei (Tourem, para os portugueses), situada a carón da ourensá de Randín, no marco territorial do municipio portugués de Montalegre, pero dependente a nivel eclesiástico da diocese de Ourense.

Fíxoo no ano 1835 nesa aldea (que a dicir do propio Brandón, tiña, polo tanto, “el alma gallega y la materia, o sea el cuerpo, portugués”), no seo dunha familia de comerciantes que lle ofreceu ó mundo unha abondosa saga relacionada fundamentalmente coa música e a literatura, a política e a avogacía, e non só en Galicia senón tamén na capital do Estado.

Pero, volvamos a Modesto Brandón e a ver as razóns polas que é merecente de formar parte dese variopinto mosaico de ourensáns, tan descoñecidos como interesantes, que imos repasando paseniño nesta crónica memorística.

Fillo dos veciños de Meaus (Baltar), Modesto Antonio Brandón e Delfina Fernández López e habitante “mixto”, polo tanto, coma o territorio que temporalmente gobernou, seguindo a tradición familiar e a colectiva de Meaus, foi a do comercio, a actividade que exercería, primeiro na súa aldea natal e posteriormente en Verín.

“Mi estancia comercial por espacio de cinco años en la hermosa e ilustre villa de Verín...”, afirma ó abordar unha etapa de devalo do comercio de tecidos en Portugal. Isto acontecía entre 1875 e 1880, despois de ter exercido o cargo de “xuíz gobernativo e político” do Couto Mixto. Probablemente fose a súa bonhomía a que avalase tal nomeamento, xa que “o xefe do Couto era escollido en asemblea de cabezas de familia cada tres anos -segundo Luís García Mañá, o verdadeiro recuperador da memoria histórica deste territorio- e auxiliado durante o tempo do seu mandato por dous homes de acordo por cada aldea e un vigairo de mes”.

Aínda que popularmente, Delfín Modesto Brandón é considerado o derradeiro xuíz do Couto, realmente foi o penúltimo, denantes de que no ano 1864 fose definido o Tratado de Límites entre España e Portugal e catro anos despois se acordase definitivamente o traspaso das aldeas de Santiago Rubiás e Meaus ó Estado español e os denominados pobos promíscuos de Cambedo, Souteliño e Lamadarcos (a carón de Feces) pasasen ó Estado portugués.

“En vista de esto -os ataques políticos, fiscais e mesmo militares que o territorio sufríu na súa derradeira etapa de independencia- y para no ver morir en mis manos nuestro pequeñito estado, lo cual me sería asaz sensible, he dimitido oportunamente de mi cargo”.

Esa demisión é a que o traslada a Verín e posteriormente á función pública, como administrador xeral de correos, chegando a facerse cargo da administración da localidade de Aguadilla, na afastada illa de Puerto Rico, no ano 1881, onde unha inesperada enfermidade, probablemente tropical, o reenvía de novo a Galicia.

O tabaco, unha fonte de economía que puido ser a causa da finalización do Couto

Non se conserva documentación biográfica de Delfín Modesto, máis alá dos breves trazos que el mesmo desvela na súa “Interesante Historieta del Coto Mixto”, gracias á cal hoxe coñecemos a súa realidade política, económica e social, así como os privilexios dos que gozaron aquelas aldeas que actualmente terían un estatus coma o de Andorra.

Sabidos os privilexios (de elección de nacionalidade, de cargas fiscais, de autogoberno, de asilo, de feiras e mercados e do camiño privilexiado) que tiñan, Modesto Brandón danos a clave, na súa “historieta”, dos posibles motivos que acabaron provocando a súa desaparición.

Entre os moitos productos que producían e comercializaban sen renderlle contas a ningún Estado, destacaban os cereais e o tabaco. “No sembraba tabaco -di Brandón- el que no tenía terrenos a propósito para su abundante producción”. Un tabaco “que era fuerte, pues tenía bastante dosis de nicotina”, pero que non sabían elaborar, polo que “al fumarlo tenía un sabor verdoso y por consiguiente un tanto repugnante”. Aínda así, a partir de 1850, a súa colleita foise limitando “por obra y gracia de un señor muito infinchado que existía en Montalegre”, e ó que a plantación no Couto “le causaba gran pesadilla”, polo que os veciños pediron a intermediación do xuíz para “hacer respetar por aquellos energúmenos nuestros derechos y nuestros antiquísimos privilegios, sino por la fuerza, por la razón y la justicia”.

Estes continuos abusos levaron a Modesto Brandón a maquinar unha estratexia de forma que ó levantar acta da nacionalidade de cada productor, dado que podían afirmar calquera das dúas, todos declarasen que eran “espanhois”. O terratenente de Montalegre tivo que claudicar, pero acabou influíndo nos políticos de Lisboa para que levase a cabo o proceso de finiquitación do Couto, que, como queda dito, aconteceu en 1868.

Delfín Modesto Brandón, despois do seu periplo puertorriqueño instalouse en Celanova coa súa irmá Clotilde e en xaneiro de 1904 rematou a escritura da breve “historieta”, que non foi quen de ver publicada ata 1907, cando xa contaba uns serodios 72 anos, sinalando no epílogo que “si no se ha realizado oportunamente, cúlpese de ello, no al autor, sino a la crasa ignorancia de algunas individualidades que, queriendo pasar por ilustrados, no tienen apego ni amor a la instructiva literatura”.

Te puede interesar
Más en Sociedad