Down Galicia logra o primeiro galardón dos Premios de Voluntarios BBVA

BBVA, a través dos Premios de Voluntarios que neste ano celebran a súa sexta edición, recoñeceu o labor que desempeña a Federación Down Galicia, órgano que recibiu o primeiro galardón, dotado con 40.000 euros.
David Conde, director comercial da Territorial Noroeste, foi o encargado de entregar esta distinción a Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, e en presenza de Reyes Leis, primeira tenente de alcalde do Concello de Santiago, no transcurso dun acto que decorreu no Hostal dos Reis Católicos.

Conde resaltou o labor desta entidade, que ten a misión de facilitar a inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual, especialmente con síndrome de Down, no mercado de traballo a través das prácticas formativas nas oficinas de BBVA.

Por iso, indicou que o Premio de Voluntarios do BBVA ao proxecto 'Emprego con apoio', da Federación Down Galicia, é un recoñecemento ao carácter humano e innovador deste proxecto, que permitirá a 35 persoas adquirir experiencia de traballo administrativo e de equipo.

'Sentímonos especialmente orgullosos deste premio, impulsado pola Oficina de Voluntarios do banco, porque supón unha boa mostra do noso firme compromiso coa sociedade. Nós traballamos por un futuro mellor para as persoas, e cremos firmemente en que se é posíbel facelo, está feito, e se é imposíbel, farémolo', resaltou.

Delmiro Prieto agradeceu un premio que 'supón unha oportunidade única para sensibilizar e concienciar a sociedade sobre as capacidades e logros das persoas con algún tipo de dificultade, xa que poderán ser percibidas polo público, os clientes do banco e os compañeiros de oficina como persoas útiles e capaces'.

A través de experiencias deste tipo, engadiu, son ofrecidos 'medios adecuados' ás persoas con capacidades diferentes 'para que poidan desenvolverse, levar unha vida autónoma, tomar as súas propias decisións e formar parte da sociedade de forma visíbel e autónoma'.

Os 35 membros de Down Galicia que se van incorporar ao programa de prácticas formativas do BBVA traballarán catro horas diarias durante un período de 1-2 meses en actividades administrativas: arquivamento e destrución de documentos, fotocopiar expedientes e documentacións diversas, ordenar fichas de sinaturas, arquivamento de contratos e documentación xerada no día, e tratamento de recibos, entre outras funcións.

Te puede interesar