A Universidade de Vigo ofertará 3.829 prazas de grao o próximo curso

A Universidade de Vigo ofertará un total de 3.829 prazas de grao para o próximo curso, 25 máis que o actual, segundo aprobou hoxe o consello de goberno desa institución académica.

Entre as novidades destacan ademais a simultaneidade dos graos de Dereito e Administración de empresas, así como as novas titulacións de Ciencias da Linguaxe e Enxeñaría Física.

A vicerreitora de organización académica, profesorado e titulacións da Universidade de Vigo, Margarita Estévez, matizou que a implantación dos graos en Ciencias da Linguaxe e de Enxeñaría Física en Ourense aínda están pendentes de aprobación.

Ademais anunciou un incremento de dez prazas -das sesenta actuais a setenta- no grao de Enfermaría e unha redución na oferta de prazas en tres titulacións da Escola de Enxeñaría Industrial.

Na sesión, o vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García, informou tamén do aforro bruto orzamentario de máis de dez millóns de euros e o superávit de máis de once en operacións non financeiras que se desprende da liquidación do orzamento correspondente ao ano 2013.

García cualificou o resultado como "extraordinario e excepcional" pola obtención de "ingresos por riba das expectativas" en varias operacións.

Ademais, o consello aprobou unha excedencia temporal para o catedrático de Economía Xavier Labandeira, que a partir de setembro compatibilizará a dirección da unidade de investigación sobre política climática do European University Institute de Florencia coa súa actividade docente e investigadora na Universidade de Vigo.

Te puede interesar